Patrimonio cultural e lingua

Os gravados rupestres galegos

Chan da Cruz (monte Mirallo)

Tamén denominados petróglifos, os gravados rupestres galegos podemos encontralos tanto no Neolítico  (IV e III milenios a. C.), a Idade do Bronce (1800-700 a. C.) e a Idade do Ferro (I milenio a. C. até o século III d. C.). Desta época conservamos en Monte Mirallo 15 estacións de gravados rupestres.

Chan da Cruz
A continuación do campo de mámoas achamos os primeiros petróglifos na continuación do noso percorrido. Trátase do lugar denominado Chan da Cruz. Chámase así por estar dominado por unha gran rocha que contén unha cruz de considerable tamaño gravada nela.

Antigamente esta cruz representaba a división de tres parroquias: Cedeira, Negros e Trasmañó. Na actualidade a divisoria territorial xa non é a mesma. Estas cruces son habituais por toda Galiza e son coñecidas como cruces de término.
Este lugar conserva elementos moi interesantes na súa contorna. Para empezar, apuntaremos que se trata da única rocha que se conservou de toda esta ladeira do alto de Penide. En 1929 un equipo de investigadores da Xeración Nós veu chamado a este lugar no preciso momento en que todas as rochas estaban sendo esnaquizadas polos canteiros. Consérvanse imaxes na revista Nós de anacos pedras ensambladas con representacións de gravados que se perderon para sempre, testemuño do inmenso patrimonio que se perdeu durante séculos debido á acción dos canteiros. Só se conservou esta rocha grazas á cruz de término que ten encima. Mais grazas a isto tamén se conservaron unha serie de gravados rupestres anexos a esta rocha.

Os gravados rupestres existen por milleiros en toda Galiza, concentrados principalmente nestas zonas preto da costa da fachada atlántica.
As súas tipoloxías son moi diversas, mais como breve resumo poderiamos destacar as figuras xeométricas (sobre todo formas circulares e reticulares), figuras animais (maioritariamente cervos, cabalos e serpes), figuras humanas (en moitas ocasións asociadas a escenas con animais), figuras de armas (machados, espadas e puñais maioritariamente) e figuras interpretadas como posibles ídolos.

Non se sabe case nada da interpretación de todos estes gravados, sobre todo das figuras abstractas e xeométricas. Que representan os círculos concéntricos, os labirintos, as espirais? E as coviñas que decote están ao seu arredor ou dentro deles? Que significado teñen os reticulados? Eran acaso taboleiros de xogo, trampas para animais? Estas abstraccións eran pura simboloxía da que estamos completamente desconectados na actualidade. Lévanse especulado moitas posibilidades de interpretación, mais aínda non se atopou unha resposta concluínte.
As figuras de armas achégannos algo máis á precisión histórica da época en que se gravaron, mais non sabemos para que e por que se gravaron en determinados lugares. Eran símbolos de poder, de territorio sobre lugares de paso, asociacións con asentamentos humanos? Aquí en Monte Mirallo temos unha fermosa representación de varios tipos de armas, que visitaremos máis adiante.
As figuras animais son outra tipoloxía sobre a que se leva especulado moito. Aquí podemos ir dende o máis práctico, material e inmediato relacionado coa cacería ou a doma e monta de cabalos, ata interpretacións espirituais ou relixiosas referidas á simboloxía totémica ou divina de cada un destes animais ou as relacións de poder dos humanos asociados a estas figuras.

Como vemos, o mundo dos gravados rupestres en Galiza é un campo aberto de traballo no que hai moito por facer. Estes petróglifos nosos son contemporáneos dos xeróglifos exipcios, que mantiveron durante séculos o enigma do seu significado ata que no século XIX o filólogo francés Jean-François Champollion conseguiu descifralos. Os nosos particulares xeróglifos tamén están á espera do seu desciframento, un fito que nos abriría as portas do coñecemento máis preciso e profundo dun dos momentos máis relevantes da nosa historia antiga.
Entrementres, seguiremos traballando neste importante campo de estudo, facendo chegar a cada vez máis persoas o interese e a concienciación no seu coñecemento, protección e conservación.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural