O nome dos lugares: a toponimia como acto de xustiza histórica
27 de maio de 2026
Hai quen pensa, dende unha atalaia de certo escepticismo, que a recuperación da grafía orixinal dos nosos lugares é pouco menos que unha “teima” de filólogos ou unha batalla política de curto alcance. Nada máis lonxe da realidade. A recente actualización do Nomenclátor de Galicia non é un simple trámite administrativo; é a culminación dunha longa viaxe de volta á casa, un exercicio de hixiene histórica e, por riba de todo, un acto de xustiza co noso pasado e o noso territorio.

Detrás de cada cambio, de cada grafía recuperada ou de cada fonema restituído, non hai arbitrariedade. Hai ciencia. Galicia ten o privilexio de contar cunha tradición onomástica dunha solidez incuestionable e envexable, cunha bibliografía inmensa asinada polos nosos mellores lingüistas e filólogos. Durante décadas, investigadores percorreron as aldeas e mergulláronse nos arquivos para rescatar a verdade que os documentos antigos gardaban. Non estamos inventando nomes; estamos limpando o verniz das deturpacións e castelanizacións seculares que, por inercias históricas ben coñecidas, foron sepultando a nosa toponimia baixo formas alleas ou híbridos sen sentido.
Aínda así, é frecuente atopar certas reticencias nalgunhas vilas e cidades. O costume é un hábito poderoso e moitas persoas senten como unha imposición o que en realidade é unha restitución. Cómpre aclarar un punto fundamental para acougar estes ánimos: a oficialidade do nome non busca entrar na esfera privada de ninguén. Que o nome correcto sexa Ourense non impide que, na intimidade ou no uso coloquial, haxa quen siga dicindo “Orense”. O mesmo sucede coa sonoridade de Sanxenxo fronte ao deturpado “Sangenjo”, ou con esa teima dalgunhas persoas chamarlle Mellid a Melide.
Especialmente rechamantes son os casos de nomes híbridos, como o de Ponteareas, que moitas persoas denominan “Puenteareas”. Estamos ante un incomprensible cruzamento lingüístico entre o castelán “puente” e o galego “areas” que non pertence a ningunha das dúas linguas e que só serve para perpetuar a confusión. Recuperar a forma lexitimada polos séculos e polo estudo filolóxico non é atacar a ninguén; é, simplemente, chamarlles aos lugares polo seu verdadeiro e correcto nome.
Esta batalla polos nomes é, en última instancia, unha responsabilidade que nos atinxe a todos como sociedade. Non abonda con que o Nomenclátor cambie no papel oficial ou nos sinais das estradas. Precisamos que as institucións fagan pedagoxía, que os concellos presuman do traballo de investigación que avala os seus nomes de lugar e que a cidadanía entenda que un topónimo é un ben patrimonial inmaterial tan valioso como un petróglifo ou unha catedral.
Ignorar a etimoloxía e a historia dun lugar é como arrincar as páxinas dun libro antes de lelo. A precisión toponímica fálanos de quen fomos, de como vían a paisaxe os que nos precederon e de como queremos presentarnos ante o mundo. Un pobo que respecta os seus nomes é un pobo que se respecta a si mesmo.