Patrimonio cultural e lingua

Cortegada e o conformismo dixital: o patrimonio non se escanea, potéxese

8 de xuño de 2026

A recente nova sobre os traballos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo na illa de Cortegada volve poñer de manifesto unha perigosa tendencia na xestión cultural actual: a de substituír a conservación física pola conservación dixital. Estamos ante un perigo inminente de destrución duns restos arqueolóxicos excepcionais na costa da illa de Cortegada que, con moitas sospeitas de ser prehistóricos e baixo a firme hipótese de pertencer á Idade do Bronce, están a piques de desaparecer para sempre baixo o refluxo das mareas ante a pasividade institucional.

Imaxe: Faro de Vigo

Para calquera profesional da arqueoloxía, estes restos teñen todo o aspecto dunha estrutura de lousa, unha cista funeraria prehistórica. O seu contexto histórico non ofrece dúbidas se miramos cara aos sepulcros do xacemento da illa Guidoiro Areoso, situada non moi lonxe na propia ría de Arousa. Con todo, a súa localización xunto á liña de marea, sometida á acción continua das ondas, está a destruír paulatinamente a estrutura. O avance do esmorecemento é incontestable: mentres que nunha fotografía de 2013 se mantiñan en pé tres lousas chantadas, hoxe unha delas xa caeu derrubada polo mar.

Ante esta urxencia, resulta rechamante que se propoña como consolo ou solución final a creación dun escaneo 3D que preserve a súa memoria virtual mentres se asume que o monumento real “acabará perdendo todas as lousas”. Cómpre amosarse radicalmente en contra desta postura conformista. A tecnoloxía dixital debe ser un complemento para o estudo, xamais unha escusa para certificar a morte de física dun monumento e lavar as mans. O patrimonio cultural non se escanea para despois deixalo morrer; o patrimonio hai que protexelo e conservalo no seu contexto real.

É obriga das administracións e dos responsables do Parque Nacional das Illas Atlánticas avaliar de inmediato posibles medidas correctivas de enxeñaría e conservación para protexer estes restos. Non podemos escusarnos na complexidade nin na suposta fraxilidade do ecosistema para non intervir. Claro que se poden realizar achegas periódicas de area para substituír a que foi arrastrada polas correntes, pero fai falta ir máis aló.

Se de verdade hai vontade política, podemos e debemos levantar un dique protector ao seu arredor. Non hai que inventar nada novo: esta fórmula xa se aplicou con éxito no Guidoiro Areoso para preservar unha das súas mámoas, salvagardando a estrutura case completa da acción erosiva do mar. Se na illa veciña foi posible protexer o Megalitismo, por que en Cortegada a solución ten que ser un arquivo dixital nun ordenador?

A cista de Cortegada leva máis de 3.000 anos resistindo o paso do tempo. É unha testemuña única do noso pasado que non merece ser abandonada á súa sorte baixo o pretexto do cambio climático ou do respecto intocable á natureza. A herdanza dos nosos antepasados merece dignidade, investimentos e solucións físicas sobre o terreo. Menos conformismo virtual e máis protección real.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural