Patrimonio cultural e lingua

O patrimonio arqueolóxico dos montes exposto aos incendios: estratexias para a súa defensa e preservación

22 de xuño de 2026

Ás portas da entrada no verán e nunha nova epidemia de lumes, os incendios que asolaron os termos municipais de Teo e de Meis, cuxas lapas ameazaron e agrediron directamente o patrimonio arqueolóxico documentado non debemos contemplalo como un acontecemento fortuíto máis na crónica negra estival de cada verán en Galicia. 

Imaxe: Colectivo A Rula

Este suceso, lonxe de ser un feito illado, constitúe a manifestación local dunha traxedia estrutural que afecta toda Galicia e que ano tras ano reduce a cinzas non só a nosa riqueza forestal, senón o patrimonio arqueolóxico que se encontra entre o arboredo. 

Baixo o efecto do lume, o granito milenario dos nosos petróglifos, con máis de catro mil anos de antigüidade, sofre o fenómeno da termoclastia, fracturándose e descascándose de xeito irreversible por mor das altas temperaturas, coa desaparición dos sucos que forman as figuras dos gravados. 

As estruturas das mámoas, os lenzos dos castros galaicos e os vestixios romanos quedan desprotexidos ante a erosión inmediata ou, o que é peor, ante o paso cego da maquinaria pesada que acode a extinguir as lapas. 

Imaxe: Colectivo A Rula

Esta realidade esixe unha valoración global e un xiro radical na política de prevención, asumindo de forma categórica que o lume non pode, baixo ningunha circunstancia, chegar a danar o patrimonio cultural que custodia o noso territorio forestal.

Propostas estratéxicas de prevención e preservación.

Urxe poñer en marcha unha batería de propostas transversais onde cada estamento con competencia no monte asuma o seu liderado legal e moral. 

Na base desta pirámide organizativa atópanse as comunidades de montes veciñais en man común, que deben converterse nos primeiros custodios sobre o terreo do patrimonio que posúen; a súa responsabilidade directa debe centrarse na creación de perímetros de seguridade limpos de biomasa arredor de cada ben catalogado, substituíndo o mato combustible por franxas de vexetación autóctona de baixa inflamabilidade que actúen como escudos verdes permanentes. 

Esta prevención local carece de sentido sen a implicación directa dos concellos, cuxa competencia na xestión urbanística e na protección do patrimonio os obriga a incorporar de xeito rigoroso a xeolocalización de cada xacemento nos seus plans municipais de defensa contra incendios, garantindo que os servizos de emerxencia saiban con exactitude que zonas teñen a consideración de alto valor arqueolóxico e non poden ser invadidas por maquinarias na consgrución de devasas urxentes ou no paso de vehículos contraincendios.

Imaxe: Diario de Arousa

A escala provincial, as deputacións teñen a obriga estratéxica de financiar e achegar o soporte técnico necesario para que os municipios de menor capacidade económica poidan executar estes plans de perimetración e actualizar os seus inventarios, transformando o illamento rural nunha rede de apoio institucional coordinada. 

Finalmente, a responsabilidade última e vinculante recae nas consellerías competentes da Xunta de Galicia, singularmente nas de Medio Rural e Cultura, que teñen a obriga inapelable de cruzar as súas bases de datos de forma definitiva. Non é tolerable que as brigadas de extinción carezan nos seus terminais operativos da cartografía arqueolóxica detallada que posúe Patrimonio; a Consellaría do Medio Rural debe protocolizar que tanto as manobras de ataque ao lume como os traballos de reforestación posterior respecten escrupulosamente os xacementos arqueolóxicos mentres que a Consellería de Cultura debe fiscalizar con firmeza e aplicar o réxime sancionador cando se incumpra esta directriz. 

Só a acción conxunta e coordinada destes catro eixes, dirixidos desde as altas institucións autonómicas, poderá garantir que o noso pasado de pedra non sexa sepultado pola inacción colectiva, devolvéndolle ao monte a súa dignidade como espazo de vida e memoria.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural