Patrimonio cultural e lingua

A Casa da Torre de Redondela: un patrimonio público usurpado por un turismo de paso

7 de xullo de 2026

A Casa da Torre non é un edificio calquera. É o inmoble histórico máis importante e emblemático de Redondela, unha xoia patrimonial do século XVI que figura entre as construcións máis antigas da vila. A súa restauración foi modélica, un exemplo de como se pode recuperar e poñer en valor un ben histórico. Mais esa excelencia arquitectónica queda totalmente desmerecida pola función que hoxe cumpre: un albergue de peregrinos.

Non estamos en contra do Camiño nin de quen o percorre, pero hai límites que non se deben traspasar. A Casa da Torre, restaurada con fondos públicos, está a ser usada exclusivamente por persoas que están de paso, mentres que a cidadanía de Redondela, que cofinanciou co seu diñeiro esta rehabilitación e o seu mantemento anual, non pode gozar dela como espazo cultural. 

Redondela non conta cunha sala de exposicións digna. O edificio multiúsos da Xunqueira, onde se improvisan mostras, non ofrece nin condicións nin seguridade no baixo habilitado para esta función. Foi alí onde, na exposición de xoguetes antigos, se produciron roubos por falta de control. Alí tamén se amorean, sen orde nin información, os elementos da nosa querida Coca, reducidos a atrezzo sen alma. non obstante, a colección de cerámica de Sargadelos, cedida por Adriano Marques, permanece hoxe pechada e esquecida na propia Casa da Torre.

Cal é o sentido de restaurar con agarimo o noso edificio máis simbólico se logo o relegamos a dormitorio de paso para mochileiros? Peregrinos que teñen á súa disposición múltiples alternativas hostaleiras na vila e nos arredores—moitas delas sustentadas por negocios locais que necesitan apoio para subsistiren ao longo de todo o ano—, mentres nós perdemos a posibilidade de afianzar espazos expositivos permanentes e outras actividades culturais.

É unha situación que roza o esperpento cando se celebran eventos culturais na praza traseira da Casa da Torre e o que vemos nos seus balcóns son tendais con roupa a secar e peregrinos abrindo e pechando portas xusto enriba do escenario. A indignidade estética únese á indignación cidadá.

Por que non podemos aspirar a un modelo como o da Casa de Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal, que soubo darlle vida e dignidade cultural a un edificio histórico? Aquí, en cambio, cedemos o mellor da nosa arquitectura histórica a un turismo efémero, esquecendo que os espazos culturais non son un luxo, senón un dereito da cidadanía, sobre todo cando o estamos pagando entre todos nós.

Xa abonda de que en Redondela a cultura quede sempre á marxe. Xa abonda de que os cartos públicos non revertan no benestar cultural da nosa veciñanza. Xa abonda de ver a nosa historia pechada baixo chave para que durman nela os que marchan ao día seguinte.

A Casa da Torre é de Redondela, e debe volver ser para a cidadanía redondelá.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural