Patrimonio cultural e lingua

Un plan de normalización lingüística sen calendario é un plan sen compromiso

17 de xullo de 2026

Hai unha pregunta moi sinxela que debería poder responder calquera plan estratéxico: cando? Cando se vai facer cada medida, cando debe estar rematada e cando poderá a cidadanía comprobar se se cumpriu. Sorprendentemente, a proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega apenas ofrece resposta a esa cuestión.

O documento parte dun diagnóstico contundente. Recoñece que o galego atravesa unha situación crítica e que a ruptura da transmisión interxeracional obriga a actuar con urxencia. A análise é, ao meu ver, acertada. Pero un bo diagnóstico non abonda.

Ao chegar ás propostas aparecen medidas como crear observatorios, elaborar recursos, introducir cláusulas lingüísticas, establecer programas ou incorporar novas actuacións. Son accións concretas e, en moitos casos, necesarias. Porén, todas deixan no aire a mesma incógnita: para cando?

Un plan sen calendario convértese nun brinde ao sol. Porque aquilo que non ten prazo tampouco ten unha data a partir da cal poida esixirse o seu cumprimento. Todo queda pendente. Todo pode facerse o ano que vén… ou o último ano de vixencia do Plan. Ou nunca.

Resulta paradoxal que un documento que insiste na urxencia da situación non estableza unha folla de ruta temporal con prioridades claras. Non sabemos que medidas deberían estar executadas no primeiro ano, cales poden agardar nin que fitos permitirán avaliar o avance do Plan.

Un calendario permítelle ao Parlamento controlar, aos medios de comunicación fiscalizar, ás entidades facer seguimento e á cidadanía preguntar por que unha medida segue sen executarse cando xa venceu o prazo comprometido.

Se realmente consideramos que o galego vive unha situación de emerxencia, tamén debemos asumir que as respostas non poden quedar suspendidas nun tempo indefinido. Porque hai unha diferenza esencial entre prometer facer algo e comprometerse a facelo. Esa diferenza chámase calendario.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural