Patrimonio cultural e lingua

Cargadoiro do couto Wagner

Trasmañó, Redondela

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado sobre o mar na explanada que está próxima á empresa Vieirasa. O acceso é desde a nacional N-552, á altura do lugar de Rande, por unha baixada cara ao mar que pasa por debaixo das vías do tren que conduce a Vieirasa.

O cargadoiro está unido a terra por unha estrutura férrea que contiña cintas transportadoras para descargar o mineral desde os trens e intérnase na ría a unha considerable altura sobre a superficie do mar.

A estrutura do cargadoiro, na actualidade, encóntrase impracticable. Só se pode visitar desde fóra, sen posibilidade de acceder a ela debido ao perigo que, neste momento, suporía para a seguridade das persoas.

Historia

Un couto mineiro é unha agrupación de dereitos mineiros de explotación de varios titulares para o mellor aproveitamento común dos recursos minerais dunha zona, así como a utilización conxunta dos servizos mancomunados necesarios como desaugadoiros ou transporte do mineral, entre outros.

Despois da Segunda Guerra Mundial, Europa estaba necesitada de mineral de ferro para a súa recuperación industrial. A partir de 1952, a empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada” comezou a explotar as minas do couto Wagner, situado en San Miguel de las Dueñas, no Bierzo, para enviar este mineral, a través do porto de Vigo, cara a Alemaña e Inglaterra. 

O nome de Couto Wagner provén da afección que o seu primeiro promotor, o empresario vasco Julio de Lazúrtegui, sentía pola música clásica, en especial polo compositor alemán Richard Wagner.

Durante trinta anos, foron as minas máis produtivas en mineral de ferro da península ibérica. Dispoñía de cincocentos traballadores e un teleférico de dous quilómetros para transportar o mineral ata o tren que o levaría para a costa.

Cando o porto de Vigo comeza a quedar pequeno e pouco operativo para a xestión da cada vez maior demanda de mineral de ferro para a súa exportación, a empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada” solicitalle á Autoridade Portuaria de Vigo, en 1960, unha concesión na zona de Rande para crear unhas mellores instalacións de carga con maior capacidade para o couto Wagner do Bierzo.

A construción deste cargadoiro en Rande comezou en 1960 e principiou a funcionar en 1966. Este cargadoiro estivo operativo durante oito anos, ata 1974, e moveu máis de tres millóns de toneladas.

A crise enerxética mundial da década de 1970 e a crecente competencia doutros países doutras áreas do mundo provocaron a perda de competitividade e o cesamento da actividade en 1974.

Descrición

O cargadoiro do couto Wagner foi a última das grandes construcións industriais que se levantaron en Rande, despois da fábrica do Alemán e o cargadoiro do Alemán ou Vivaldi.

Este cargadoiro do couto Wagner destaca sobre a ría polo seu gran tamaño e o deseño tan diferente ás demais arquitecturas industriais que existen na ría.

A súa estrutura está composta por una liña de atraque metálica elevada sustentada sobre tres plataformas. Esta liña de atraque para os barcos está formada por unha estrutura metálica pola que discorre una cinta transportadora. Esta plataforma está unida a terra por outra estrutura metálica de dous vans como apoio  intermedio, pola que circulaba o mineral que se descargaba directamente dos trens que proviñan do Bierzo.

Na esquina en ángulo recto onde se une a estrutura de atraque coa estrutura metálica de cinta de transporte do mineral desde os trens e se producía a transferencia dunha á outra, atópase unha caseta desde onde se controlaban as manobras de atraque dos barcos e carga do mineral.

O cargadoiro do couto Wagner ten un calado de 10 metros de profundidade, o que lle permitía admitir buques de ata 45.000 toneladas de rexistro bruto e tiña capacidade para mover 2.000 toneladas de mineral cada hora a través das súas cintas transportadoras.

Valoración final

A súa privilexiada situación sobre o mar, nun punto intermedio da ría, xunta o estreito de Rande, permite dispoñer dunha ampla panorámica dende un extremo ao outro de toda esta baía. Dende as illas Cíes ata o fondo da enseada de San Simón. Neste sentido, funcionaría como un inigualable miradoiro sobre toda a contorna natural e histórica da ría. É un lugar ideal para instalar un centro de interpretación e musealización da evolución tanto paisaxística, como humana, económica, histórica e cultural de toda a ría.

Estamos ante unha paisaxe cultural de primeira orde, que persegue, por iniciativa popular, a declaración de “Selo de Patrimonio Europeo”, un recoñecemento da Unión Europea ao seu patrimonio histórico e cultural.

Algúns dos referentes que formarían parte deste ”Selo de Patrimonio Europeo” son:

As Salinas de Ulló-Vilaboa

A fábrica do Alemán

O museo Meirande

A fábrica de salgadura da Regasenda 

A fábrica de salgadura da Portela

A fábrica de Conservas JOB 

As bateas que se estenden por toda a ria

A produción ostreira do fondo da enseada

A historia e cultura da illa de San Simón

As numerosas instalacións portuarias históricas da Enseada 

Os cargadoiros de mineral de Rande 

As barras do Alvedosa 

Os casetos de pescadores na praia de Cesantes

As telleiras do monte da Telleira, Cesantes 

Os estaleiros de ribeira de Vilaboa 

O forno de cocer de cal de Vilaboa 

A Ponte de Rande

A Aldea mariñeira de Cabanas, Rande

A batalla de Rande e os galeóns afundidos

As fortalezas de Rande

Referencias

Air View Studio: Minas de hierro coto Wagner, 02/11/2022 (Vídeo)

Arias Ferrero, Francisco: “Un paso por el coto Wagner“, en La Nueva Crónica, 14/12/2023

Fernández Lozano, Javier: “El Coto Wagner y los restos que habitan en el olvido“, en La Nueva Crónica, 21/03/2021

La Mirada del Zángano: COTO WAGNER – La amenaza de un pueblo – Socavones en Onamio – León (A vista de dron), 22/05/2017 (Vídeo)

Menéndez Suárez, Carlos: “Breve aportación a la historia minera del Coto Wagner de la Minero-Siderúrgica de Ponferrada, SA“, en De Re Metallica, 23, 2014, pp. 39-53

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural