Localización

Este miliario romano está situado á beira do Camiño de Santiago e serve de marco divisorio entre as parroquias de Vilar de Infesta (Redondela) e Guizán e Lourido (Mos).
As escavacións arqueolóxicas demostraron que se atopa emprazado no propio lugar orixinal, o que verifica -xunto con outros miliarios encontrados neste itinerario e que están depositados en museos- que o Camiño de Santiago actual discorre sobre a vía romana XIX. Esta vía romana, construída ao redor do século II da nosa era, unía as cidades de Braga (Portugal) con Astorga (León), posiblemente na época do emperador Hadriano (de acordo co nome do emperador que aparece na inscrición do miliario que se atopou a continuación deste, en Saxamonde).
Miliarios

Os miliarios son marcas viarias colocadas á beira das vías romanas, semellantes aos postes quilométricos das estradas da actualidade. O seu nome deriva da expresión latina “MILIA PASSUUM” ‘mil pasos’; son as denominadas millas romanas. Cada paso romano equivalía a dous pasos na actualidade, xa que o paso romano é a nosa zancada completa, que equivale a dous pasos.
Presentan unha forma cilíndrica e están chantados en posición vertical.
Na zona superior da pedra posúen unha inscrición que fai referencia á poboación de procedencia da vía e o destino dunha poboación importante. Tamén engaden información sobre as millas percorridas e o nome do mandatario que goberna nese momento.
Neste treito de vía romana polo concello de Redondela temos referencia de cinco miliarios: este miliario de Vilar que está ante nós; o seguinte estaba o do lugar de Padrón (Saxamonde, Redondela), hoxe no museo de Pontevedra; o terceiro atopouse na parroquia de Quintela; e outro dous foron localizados en Cesantes, no lugar do Sobreiro.
En total, nesta vía romana XIX, que comunicaba Braga con Astorga, catalogáronse 107 miliarios, dun total de 644 catalogados en todas as vías romanas do noroeste peninsular.
Descrición

Presenta forma cilíndrica e está realizado en granito.
Mide 60 cm de diámetro e sobresae 135 cm de altura sobre o chan. As escavacións arqueolóxicas levadas a cabo danlle unha altura total de 3 metros.
Na súa superficie podemos observar numerosas marcas, entre elas algunhas letras soltas do texto orixinario latino e unha pequena palabra que quizais poidamos ler como FILI. A inscrición orixinal en latín coa información á que máis arriba nos referimos foi repicada con multitude de cazoletas e cruces de diferentes tamaños que se supoñen insculpidas xa desde a Idade Media.
Nunha prospección arqueolóxica realizada no ano 2007, comprobouse que o miliario se atopa na súa posición orixinal e que a vía romana que pasa ao seu carón presenta características propias este tipo de vieiros: un ancho de 9 metros, gavias de 50 centímetros de fondura nas dúas beiras da vía e unha capa de rodadura para vehículos formada por 15 centímetros de arxila.
Tradicións populares

A presenza das cruces pode deberse a que o miliario serve como marco divisorio parroquial. Gravar cruces nas rochas situadas en divisorias de parroquias é algo habitual en Galicia. Neste miliario conflúen dous concellos e tres parroquias: os concellos de Redondela e Mos, e as parroquias de Vilar (Redondela) e Guizán e Louredo (Mos). Pode observarse como hai tres cruces gravadas con maior tamaño e profundidade que están orientadas a cada unha das tres parroquias aquí delimitadas.

Por outra banda, a presenza das cazoletas de diferentes tamaños ao seu redor pode corresponderse cun valor simbólico etnográfico vinculado a que este miliario sexa empregado en rituais animistas, que aínda se conservan na tradición popular.
Un deste rituais está orientado á curación dos cativos e consiste en sentalos sobre o fito de pedra para que curen do mal que levan dentro ao cabo duns días.
Tamén se emprega en rituais relacionados coa propiciación da fertilidade das mulleres; para iso, a muller achega o seu ventre ao miliario, o que podemos asociar coa forma fálica que posúe o miliario, forma acentuada polas modificacións que lle aplicaron á pedra na súa parte superior.
Quizais esta última práctica debamos entendela no contexto dos primitivos menhires ou pedrafitas que existen por toda Galicia. Neste senso, o miliario podería ser unha reminiscencia destes elementos prehistóricos tamén realizados en pedra cunha forma semellante aos miliarios chantados polos romanos, pero varios milleiros de anos anteriores.
Se así for, tamén se podería entender a presenza de cruces como elemento cristianizador de rituais considerados pagáns pola Igrexa, o que lle daría, a maiores, un potente significado etnográfico a esta pedrafita histórica.
Estado de conservación

Se queremos que un miliario destas características, tan rico en significados, tanto históricos como simbólicos, sexa exhibido in situ, debe contar cunha protección e información ao seu arredor que impida que poida ser obxecto de agresións ou desleixo. No ano 2023, algún tipo de vehículo ou maquinaria pasou ao seu carón e provocou un estrago considerable na súa superficie, tal como pode verse na imaxe. Esta rozadura estragou unha das poucas letras soltas que quedaban do texto inicial romano, a letra D, que desapareceu por completo.
Os concellos de Mos e Redondela teñen a obriga de evitar que algo así poida volver a suceder. O miliario precisa dun espazo delimitado ao seu arredor que impida que ningún vehículo se achegue a el. O tránsito de vehículos por este treito do Camiño Portugués de Santiago tampouco ten ningún sentido cando existen outros vieiros nas proximidades inmediatas.
Galería de imaxes
Na ligazón seguinte tendes acceso a unha galería de imaxes máis ampla deste miliario romano, incluíndo un vídeo da fotogrametría de todo o miliario ao seu arredor.
Máis información
Rodríguez Martínez, R. M., “O miliario de Santiaguiño de Antas. Unha nova ollada a unha pedra antiga”, en Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN), nº 4, pp. 11-26.
Alberte Reboreda, “As Antas de Maniola“, en Faro de Vigo, suplemento Faro da Cultura, 13.04.2017.