DIQUES
Desde a confluencia dos dous ríos ata a punta da Portela, na entrada da enseada, discorren dous diques paralelos de pedra que teñen como función principal a canalización da corrente fluvial. Cando se construíu, a comezos do s. XX, a intención era facilitar o calado para a navegación de navíos na entrada do porto de Redondela e evitar así as perigosas barras que hoxe podemos ver en marea baixa, formadas pola achega de sedimentos dos ríos Pexegueiro e Alvedosa.
Desde o século XVI a intensificación da deforestación, coa consecuente erosión, e as actividades agrarias no val dos ríos Alvedosa e Maceiras (afluente do Alvedosa) provocaron unha achega paulatina e considerable de sedimentos que colmataban continuamente o esteiro de entrada no porto de Redondela.
Este incremento continuado levou a acometer unha grande obra de infraestrutura para manter a navegabilidade do esteiro e a entrada de embarcacións no porto: os diques de canalización da corrente dos ríos que confluían no esteiro.
Foi a comezos do s. XX, en 1929, cando se iniciou a construción de dous diques paralelos, que chegarían ata a punta Socorro, que permitisen unha maior facilidade de limpeza do seu fondo para facilitar a navegación e deixouse que a sedimentación se fose acumulando pola parte exterior desta canalización.
Ao longo de cada dique construíronse unhas elevacións que sobresaísen da auga nas mareas altas e que se puidesen alumear pola noite para guiar a entrada e saída dos navíos.
ESTEIRO:
O esteiro está formado pola desembocadura dos ríos Alvedosa e Pexegueiro, que finalmente tributan á enseada de San Simón, na ría de Vigo. Está delimitado pola Punta da Portela (Punta Socorro) no suroeste e a Punta da Canteira no noroeste.
O esteiro é unha área de importante marisqueo, xa que os ríos que nel desembocan arrastran unha gran cantidade de sedimentos de gran fino que dan lugar a unha chaira intermareal e áreas de marisma na súa beira.
ANTIGA ENTRADA PORTUARIA:
 |
Imaxe do porto de Redondela en 1931 |
Redondela foi históricamente ata mediados do século XX un porto pesqueiro, mais un porto condicionado polo calado que dependía das mareas e polo arrastre sedimentario dos ríos que desembocan no esteiro. Debido a isto, os barcos grandes descargaban na Portela e a mercadoría era traída ao peirao de Redondela en lanchóns ou gabarras, dalgunhas das cales poden verse as armazóns no paseo da Portela.
 |
Peirao de Cesantes |
Cando as condicións de navegabilidade, por falta de fondura suficiente, non permitiron a continuidade do porto de Redondela, construíuse o porto de Cesantes, a mediados dos anos sesenta do s. XX.
 |
Cabo dos Fumeiros ca. 1900 |
A toponimia presente aínda nos arredores dá conta da actividade mariñeira que existiu en Redondela: cabo dos Fumeiros, Campo das Redes, praza do Estaleiro (hoxe praza da Constitución).
PASEO DA PORTELA
Unha das accións máis importantes de Proxecto Marisma, acometido no ano 2010, foi a construción da pasarela de madeira sobre zancos desde a depuradora de Aqualia ata Punta Socorro, na Portela, cunha lonxitude dun quilómetro. Esta actuación inclúe tamén unha ponte peonil na desembocadura do río Alvedosa e outro paseo similar arredor da estación depuradora de augas residuais, que se agochará detrás dunha pantalla vexetal.
PUNTA DO SOCORRO
 |
Punta do Socorro |
Ao final do paseo da Portela está situada a denominada Punta do Socorro. A primeira parte do nome fai referencia ao remate desta pequena península que se interna na enseada. A palabra Socorro leva o nome dunha capela que existiu nese lugar dedicada a Nosa Señora do Socorro. A capela tiña unha función protectora dos mariñeiros cando saían a pescar desde o porto da vila.
A cheminea que hoxe destaca na paisaxe entre as construcións formaba parte dunha antiga industria de produción de estaño e chumbo que existiu neste lugar nos anos corenta e cincuenta do século pasado.
Fontes de información:
Anecdotario Redondelán (imaxe)
Turismo de Galicia (imaxe)
Atlántico Diario (imaxe)