Patrimonio cultural e lingua

Convento de Vilavella

O conxunto completo que pode verse na actualidade é a suma de diversos engadidos que se estenderon ata o século XX.

O convento edificouse durante a primeira metade do século XVI, fundado por García Prego de Montaos. Pertenceu á orde de san Lourenzo Xustinianeo. Estivo habitado por monxas desta orde ata o ano 1932, que logo pasaron para Tui. Foron moi famosos os variados confeitos que elaboraban estas monxas e que servían en barriliños de madeira fabricados por carpinteiros da vila.

A parte máis antiga que se conserva é a igrexa. Está composta por unha nave rectangular, rematada nunha cabeceira de maior tamaño e rodeada de contrafortes que se corresponden co soporte dos arcos correspondentes que sosteñen o interior da nave.

O interior componse de cinco tramos divididos por arcos apuntados apoiados en columnas. Ao longo da nave podemos contemplar tres fermosos retablos e un coro alto no fondo da nave que antes comunicaba directamente co mosteiro e desde onde as monxas asistían aos oficios relixiosos. 

A ábsida da cabeceira está coroada por unha bóveda de cruzaría con medallón central e outros medallóns menores nos puntos de cruzamento dos nervios dos terceletes que parten das esquinas da bóveda.

Na parte traseira da cabeceira da igrexa podemos ver dous elementos destacables. A media altura hai un perpiaño cunha inscrición fundacional que di: “Este monasterio hizo García Prego, arcediago de Cerbeira“.

Na zona elevada do muro da cabeceira está un dos escudos máis repetidos ao longo de todo este percorrido pola vila, como no pazo de Petán ou na casa da Torre: o da liñaxe dos Prego de Montaos, conformado polas características tres torres sobre tres arcos, aquí completado, ademais, coa representación da corrente das augas baixo os arcos.

Na parte traseira do convento consérvase un fermoso xardín que aínda conserva o seu encanto conventual.

No interior do edificio do convento destaca a gran escalinata en pedra cunha varanda ben labrada e rematada por columnas estriadas. 

Tamén é de salientar o claustro interior que aínda se conserva no edificio. Un claustro discreto e simple cunha fonte no centro do seu patio.

Despois de que as monxas abandonaron o convento, o edificio foi comprado polo empresario José Otero González, coñecido polo seu alias de Mañas. Este empresario realizou a gran ampliación que hoxe podemos observar no edificio e que dedicou a funcións empresariais. Nas fachadas da nova construcións atopamos dous escudos máis modernos. Un deles coas iniciais do empresario (JOG) rodeando unha cruz de Caravaca, coa figura dunha serpe completando o espazo entre as iniciais, e outro coas iniciais dos pai do empresario, José Otero Bilbao (JOB).

Na torre do convento é onde podemos observar a innovación e reforma que lle introduciu o empresario José Otero “Mañas”, despois de comprar a edificación: o estilo rexionalista. Este estilo nacera a principios século XX como reafirmación dun estilo patrio fronte ás influencias eclecticistas e modernistas que proliferaban por Europa. En moitos edificios de Galicia, mentres non se definiu un rexionalismo con expresión propia galega, seguiuse un modelo que se estendía por toda España: o baseado no plateresco español. 

Neste convento de Vilavella podemos observar ese modelo plateresco na torre, cos vans de arcos de medio punto entrelazados. Este efecto estilístico esténdese por toda a ampliación nova tanto nas xanelas coma nas portas que conforman o conxunto.

As torres tan características do estilo rexionalista toman a súa inspiración nos pazos barrocos galegos e nelas destacan tanto a súa elevación por encima do conxunto dos edificio coma eses remates de pináculos ameados que as coroan.

Este mesmo efecto estilístico tamén o veremos na torre do pazo de Petán e na torre do edificio do concello.

Hoxe en día o edificio está dedicado á hostalaría e a restauración. 

No seu interior acometeuse unha rehabilitación integral que mantivo a beleza das zonas nobres nos espazos dedicados aos dormitorios actuais. 

Conserva tanto as madeiras antigas coma o artesoado dos teitos e as baldosas do chan.

Fontes de información:

Patrimonio Galego

Pazo Vilavella (Facebook)

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural