Localización
Esta mámoa está situada no camiño que comunica O Vixiador con Trasmañó, próxima á confluencia con outro carreiro de pés con dirección leste-oeste, que comunica coa mámoa de Castro Ferreiro 1, situada a uns 70 metros cara ao leste.

Descrición
Cando imos subindo o camiño, observamos como atravesamos un túmulo de terra con forma de mámoa. Este túmulo ten un diámetro de 18 metros e uns 60 centímetros de altura.
Na súa parte central, atravesada polo camiño, posúe o habitual cono de espoliación que mide 1,50 metros de diámetro. No seu interior podemos apreciar unha pedra que, a falta de prospeccións adecuadas, podería formar parte da cámara funeraria da mámoa.
Se nos fixamos na superficie do túmulo, atoparemos numerosas pedras que poderían formar parte tamén da coiraza de soporte da masa tumular da mámoa.

Estado de conservación
O que máis chama a atención é que a mámoa de Castro Ferreiro 4 estea atravesada por un sendeiro de comunicación entre parroquias. O máis inmediato sería o balizamento do túmulo, cunha adecuada sinalización e información, e o desvío do sendeiro ao seu arredor.
Máis información
Ficha do catálogo do PXOM de Redondela