Patrimonio cultural e lingua

Adro Vello… e desleixado

5 de maio de 2026

Hai lugares que concentran a esencia da nosa historia, e logo está o xeito no que as administracións deciden cuspir sobre ela. O xacemento de Adro Vello, no Grove, é o exemplo perfecto de como converter un tesouro arqueolóxico nun vertedoiro de esquecemento.
As imaxes que acompañan esta denuncia non admiten interpretacións amables. O que debería ser un centro de referencia para entender a nosa pegada romana, medieval e moderna, é hoxe un espazo que produce máis vergoña que orgullo.

Resulta insultante achegarse a un xacemento de tal relevancia e atopar unha sinalética completamente borrada. A administración pública —a local por omisión e a autonómica por falta de tutela— parece querer que a historia desapareza por desgaste. Sen paneis informativos, sen planos que identifiquen as estruturas e sen un relato que poña en valor o que alí xace, Adro Vello é, para o visitante, un conxunto de pedras mudas. Se non se informa, non se coñece; e o que non se coñece, non se ama nin se protexe. Ese parece ser o obxectivo final: a amnesia colectiva.

Pero a desidia non se detén na falta de información. A estampa dun colector de lixo e cascallos amoreados contra o valado do xacemento é a imaxe gráfica do desprezo institucional. Que mensaxe se lle está a dar á cidadanía cando o propio contorno dun ben patrimonial se trata como un recuncho marxinal? É a política de “quen día pasa, ano empurra”, onde o mantemento básico brilla pola súa ausencia e a dignidade do espazo queda supeditada ao desleixo máis absoluto.

Non nos enganemos. Isto non é froito do azar nin do paso do tempo. A deterioración de Adro Vello ten responsables directos: as administracións públicas.

  • O Concello do Grove, pola súa incapacidade para manter un contorno limpo e digno.
  • A Xunta de Galicia, por permitir que un xacemento catalogado sexa vítima deste abandono sistémico.
    Ambas institucións prefiren, seica, investir en propaganda baleira antes que en asegurar que un panel informativo sexa lexible ou que un valado non se converta nun depósito de refugallos.
    O patrimonio non é un estorbo, é a nosa memoria viva. Se hoxe permitimos que Adro Vello siga a ser o “adro desleixado”, mañá non teremos dereito a lamentar a perda dunha identidade que as administracións se encargaron de enterrar baixo o lixo e a indiferenza. Basta xa de indolencia institucional.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural