A alameda Castelao constitúe un exemplo de zona axardinada e arborada composta de elementos propios da estética galega. O seu deseñador foi un prestixioso creador de xardíns, Luciano Tur Brilland. Está situada sobre terreos gañados ao mar e ao río Alvedosa, que foi canalizado ao longo do seu paso pola vila.
Combina perfectamente un amplo paseo co repouso en calquera dos bancos que posúe por todo o recinto, moitos deles con placas con nomes de persoeiros que teñen relación co municipio, tanto de ámbito local como Casto Sampedro ou Reveriano Soutullo, coma intelectuais ou artistas que, dunha ou doutra maneira, falaron de Redondela, como Julio Cortázar ou Dalí. Conta, en definitiva, con moitos dos elementos característicos que podemos atopar nunha alameda típica das nosas vilas, como veremos a continuación.
O reloxo de sol diante da fachada do concello é o primeiro elemento granítico que nos avisa da combinación da pedra, os vexetais e a auga que caracteriza as alamedas galegas.
A zona axardinada que se estende ao longo do recinto, marcando un eixo estrutural, é cuadrangular, plana e cun estilo xeometrizante francés.
Pola súa banda, a parte arborada, que se desenvolve na zona que abeira o río, ten forma triangular, e adáptase á traxectoria das augas. Todo o bordo do río vai delimitado cunha baranda de granito.
En cambio, a zona axardinada está separada da rúa principal cunha sebe vexetal en toda a súa extensión.
Na zona axardinada atopamos unha gran variedade de flores adaptadas a cada tempada do ano. Está composta por dúas plataformas cuadrangulares que separan dous paseos paralelos a ambos os lados. As plantas situadas no interior crean unha imaxe de ordenación que procura a beleza e o atractivo das simetrías que organizan o xardín. Como engadidos complementarios da plantas, distribúense unha serie de pequenas estatuas ao longo do percorrido axardinado.
No centro da alameda podemos contemplar a escultura de corpo enteiro sobre un alto pedestal granítico dedicada a Castelao, inaugurada o Día das Letras Galegas de 1987, broche final aos actos que comezaran o ano anterior para conmemorar o centenario do seu nacemento, en 1886. Unha fermosa composición de bronce, pedra, vexetais e auga, obra do escultor Alfonso Vilar Lamelas que foi erixida por subscrición popular. A presenza de esculturas e da pedra son outro dos elementos caracterizadores da identidade propia nestes espazos públicos.
Outras esculturas:
Ao longo da alameda veremos un total de cinco esculturas máis, catro delas dentro da zona axardinada, procedentes da deputación provincial: Escultura titulada “Los Niños”.
Unha cabeza tallada.
A talla denominada busto da esposa do Sr. Solís.
E, finalmente, tamén entre as xardineiras, unha cabeza de romano.
A escultura de Xan Carallás foi erixida por iniciativa da Orde de Xan Carallás en 2019. A escultura é obra de Juan Vázquez Pérez, quen exerce como mestre no taller de cantería do Concello.
Xan Carallás e un personaxe ficticio representativo da iconografía de figuras populares de Redondela na actualidade. Como escultura naceu a partir dun debuxo realizado por Castelao sobre o ano 1930 por petición dun grupo de amigos de Redondela que formaban unha peña. A inscrición que levan as figuras de Xan Carallás, en cambio, é do ano 1900, tal como apareceu na publicación Vida Social de Vigo:
Aquí fas quen sempre vela.
Aquí fas, Xan Carallás.
Fundador de Redondela.
Zona arborada da alameda
Se pasamos agora á zona arborada, entraremos nun novo espazo, onde podemos gozar dunha mostra de diferentes árbores que compoñen un pequeno xardín botánico no centro da vila.
Este conxunto presenta un estilo de deseño ingles, que procura amosar un paisaxismo en estado puro, no que se combinan as árbores e as plantas, creando un espazo recollido en si mesmo, co que se forma un atractivo conxunto composto por álamos, salgueiros, plátanos, cedros, abetos, ou árbores máis exóticas coma o magnolio ou as palmeiras; tamén podemos ver algunha tuia e olmos, así como arbustos do tipo azaleas, rododendros e camelias. Cabe salientar, como elemento decorativo, o banco de pedra que hai na cabeceira deste xardín paisaxístico.
Dentro deste espazo paisaxista atopamos, como agochados entre as árbores, un canastro e un cruceiro, novamente elementos graníticos que lle confiren a personalidade galega a este espazo.
Podemos observar, entón, que na alameda de Redondela conflúen dúas expresións de deseño diferentes: unha, a xeometrizante, que se expresa na zona axardinada, na que o ser humano procura amoldar e dominar a propia natureza proporcionándolle a súa propia impronta estética; unha corrente estética que se desenvolve en Francia a partir do século XVI; e outra, na que se expresa unha combinación de árbores e plantas que trata de imitar a mesma natureza, creando un pequeno paisaxismo boscoso dentro da alameda; unha corrente estética que se estende por Europa dende Inglaterra a partir do século XIX, con claras influencias do Romanticismo da época, baseada nun regreso a procurar expresar a natureza no seu estado puro, onde árbores e plantas medran ao chou, libremente, sen gardar simetrías nin ordenacións.
Ao carón do río podedes ver un panel coa reprodución dunha acuarela do artista italiano Pier Maria Baldi, quen retratou a vila no ano 1669. Esta imaxe dános unha vista de como era a vila a mediados do século XVII. A reprodución da acuarela fíxose por iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coa colaboración da Biblioteca ‘Medicea Laurenziana’, de Florencia.
Outro dos elementos caracterizadores dunha alameda é a presenza de espazos para a música ou as representacións. Na nosa alameda contamos cun fermoso palco de música de forma octogonal, de finais dos anos oitenta, cun agradable espazo delimitado para concentrar a xente ao seu arredor.
Ao remate da alameda encontramos un coidado parque infantil, elemento que fecha o carácter público e aberto destes espazos verdes creados para o lecer do pobo.
Fontes de información
Rosa María González Carballás e J. Luís Míguez Acuña, “Xardinería pública en Redondela. A alameda redondelá”, en SEREN nº 5.