Patrimonio cultural e lingua

Bañeira da Moura

Cesantes, Redondela / Redondela

Localización

Este singular conxunto pétreo está situado no monte Cabaleiro, no barrio de Outeiro das Penas, en Cesantes. 

O lugar onde se atopa denomínase Eido da Moura e Outeiro da Moura. Un lugar apartado no medio do monte, cunhas excelentes vistas sobre a ría e a enseada de San Simón, entre os barrios de Soutoxuste da parroquia do Viso e o barrio de Outeiro das Penas en Cesantes. Esta situación limítrofe entre barrios e parroquias sitúanos ante un dos denominados “lugares liminais”, emprazamentos que se localizan entre dous territorios, tomados tanto desde o punto de vista xeográfico como simbólico, entre o mundo real e o mundo sagrado ou imaxinario. Un lugar de encontro entre o noso mundo e o máis alá a través da natureza animada. De feito, na documentación histórica atopamos un deslinde entre Cesantes e Soutoxuste denominado Portela da Pía, que se podería corresponder coa Bañeira da Moura. as Portelas, topónimos moi abundantes en toda Galicia, denominan lugares de paso dun territorio a outro; a palabra Pía sería un sinónimo da denominación Bañeira que temos na actualidade.

Descrición

A Bañeira da Moura está formada por unha rocha granítica de 3,5 m de longo e 2 m de largo. Acada unha altura máxima de 1 m e presenta unha pronunciada inclinación dende a parte posterior, máis alta, ata a parte anterior, a rentes de chan.

Na zona norte da rocha escavouse unha pía cuadrangular de 1 m x 0,70 m, cun orificio de saída no extremo inferior norte.

Ao carón desta pía existe un afloramento rochoso no que sobresae unha gran rocha con remate superior apuntado. Presenta unha altura de 1,8 m e unha largura de 3 m. Na cara norte desta rocha vemos unha cruz gravada, de 28 cm de alto e 15 cm de largo. Esta cruz está acompañada por varias coviñas de 1,5 cm.

Historia e tradicións

A denominada Bañeira da Moura está catalogada como GA36045113 no PXOM de Redondela como patrimonio arqueolóxico, aínda que sen unha adscrición histórica que se poida precisar. Para poder situala con precisión no tempo, sería necesario realizar prospeccións arqueolóxicas na súa contorna, algo que aínda nunca se levou a cabo.

O interesante deste conxunto rupestre é que podemos estar ante un dos lugares denominados animistas do concello de Redondela. Os lugares animistas son aqueles emprazamentos nos que se atopa algún elemento, normalmente da natureza (montañas, rochas, árbores, fontes, ríos, praias etc.), que propicia a realización de rituais que procuran a curación, a fertilidade ou mesmo a adiviñación, entre outros. Estes rituais parten da crenza de que eses elementos da natureza teñen ánima propia, teñen “alma”, e teñen virtudes, poderes e características sobrenaturais. 

A Bañeira da Moura está relacionada con rituais para a curación a través da auga. O feito de denominarse popularmente como “bañeira” vincúlaa co concepto de “baños” ou “ablucións” ou “lavados” do corpo na pía que foi escavada na rocha. Así se recolle nas tradicións orais dos lugares habitados da contorna deste santuario rupestre.

Este tipo de rituais realízanse en moitos lugares de Galicia, en rochas con pías de diferentes formas.

Penedo de Santa Isabel, Penadauga, Escuadro (Silleda)

Algúns exemplos son as existentes no castro de San Tomé de Ourense, ou no castro de Santa Mariña de Maside; a Pena da Hucha do Sacrificio, no Irixo; O castro de San Lourenzo, en Coruxo (Vigo), ou o Penedo de Santa Isabel, en Penadauga, Escuadro (Silleda), un caso moi singular e cunha fermosa lenda.

En moitas ocasións, nas súas proximidades erixíronse templos cristiáns, nos que se desenvolven ritos relixiosos vinculados a unha determinada figura santa, ao par que se realizan nas súas proximidades rituais non cristiáns vinculados ao elemento animista presente no lugar. Como exemplo, dentro do concello de Redondela, podemos nomear a fonte de San Román de Saxamonde, situada nas inmediacións da igrexa parroquial, onde se realizan ablucións rituais de criaturas para curalas de calquera enfermidade; ou a fonte do Mouro, nas proximidades da capela de Santa Mariña, á que acudían incluso os leprosos para buscar a curación das súas chagas; así como a fonte do Santo, situada preto da capela de Santo Paíño en Reboreda.

Na Bañeira da Moura o único elemento con referencias cristiás que atopamos un a cruz gravada na rocha que se atopa ao seu carón, unha cruz acompañada de varias coviñas ao seu arredor. Sabemos que, en ocasións, as cruces que acompañan lugares vinculados a rituais animistas representan o selo ou marca da cristianización destes lugares; aínda que as cruces tamén aparecen desnde a Idade Media en lugares que marcan divisorias de territorios, sobre todo cando tamén aparecen coviñas gravadas nas rochas, segundo as teorías dalgúns arqueólogos, como é tamén aquí o caso.

O animismo é anterior ao cristianismo, practicado xa dende a prehistoria no mundo galaico no que habitamos. É salientable observar como a maioría das crenzas e rituais animistas continúan vivos na actualidade, convivindo en moitos casos coa súa asimilación ao cristianismo, unhas veces incorporados en paralelo á celebración de rituais cristiáns, outras veces coa presenza de cruces gravadas que representan a súa cristianización.

É de salientar tamén que aquí en Cesantes continúa viva a denominación orixinal non cristianizada deste espazo dedicado a esta deidade prehistórica: O Eido ou Outeiro da Moura; e o nome concreto do complexo rupestre dedicado a ela: A Bañeira da Moura. 

Neste sentido, podemos ver que moitas das antigas deidades ou seres sobrenaturais vinculados cos lugares animistas foron cristianizados cos nomes dos santos e santas que dan nome a santuarios situados nestes lugares. Aínda así, a principal deidade da prehistoria que continúa viva e presente na actualidade é a Moura, que tantos topónimos, lendas e mitos protagoniza, como é o caso que estamos tratando: a Bañeira da Moura, situada no Outeiro ou Eido da Moura.

En Redondela posuímos varios lugares vinculados ás deidades prehistóricas denominadas Mouras:

  • A moura-serpe do castro de Negros, vinculada á fertilidade na cama de pedra que existe no cumio do castro. 
  • A figura cristianizada de Santa Mariña, na vila, asociada ás augas (o mar chegaba ata os seus pés) e á fonte curativa do Mouro.
  • A moura do monte da Peneda, gardadora do castro e da riqueza do seu interior, cristianizada tamén baixo a advocación da Virxe das Neves da Peneda.
  • A moura-serea de Soutoxuste, que lles canta aos mariñeiros desde a beira do mar para previlos da morte.
  • E esta moura da que agora falamos, vinculada á curación a través da ablución na auga da súa pía ou bañeira. 

Desde o punto de vista da antropoloxía, cada unha destas mouras forma parte dunha mitoloxía, expresada a través de numerosas lendas e rituais animistas que enriquecen o patrimonio material e inmaterial da nosa cultura en Redondela. Estes lugares e santuarios da natureza vinculados ao mito da Moura en Redondela debemos conservalos, coidalos e poñelos en valor e transmitirllos aos nosos descendentes.

En Redondela posuímos outro santuario rupestre vinculado ao mito da Moura, situado sobre o castro de Negros. Alí podemos atopar dúas das denominadas “camas de pedra” (moi abundantes por toda Galicia), unha delas propiciatoria da fertilidade das parellas que se deitan sobre ela e outra con forma de berce dedicada a rituais ancestrais para a curación das criaturas.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural