Campás sen alma: a incomprensible eliminación dos campaneiros
30 de abril de 2026
Cando o 30 de novembro de 2022 a UNESCO declarou o toque manual de campás como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, moitos pensamos que por fin se protexería un dos piares máis íntimos da nosa identidade. Pero en Galicia, e concretamente en Redondela, desde onde estou escribindo, a realidade vai por outro camiño: o da automatización fría e o desprezo institucional cara ao factor humano. As campás soan, pero o seu son está a perder a alma.
A linguaxe do granito e o sentimento
O toque manual de campás é unha linguaxe etnográfica viva. Durante séculos o campaneiro foi o encargado de traducir en vibracións os sentimentos de toda unha comunidade. O valor etnográfico destes toques reside na súa diversidade: non soa igual un aviso de lume que un toque de nube, nin un repique de festa que un dobre de defunto, en moitas ocasións identificando de forma diferente se se trata dun home, unha muller ou unha criatura.
Pero o que realmente facía única esta tradición era o trato humano. O campaneiro coñece a veciñanza da parroquia. Cando sobe á torre, non preme un botón programado; comparte un sentimento. É testemuña dos nacementos, das vodas e das mortes de cada familia. Sabe por quen dobra a campá e pon nese esforzo físico o respecto e a emoción que unha máquina de silicio xamais poderá imitar.
A resistencia: O labor dos colectivos de campaneiros de Galicia.
Fronte ao discurso derrotista de que “non hai quen o faga”, a realidade dinos o contrario. Nas redes sociais existen grupos organizados como “Campás e Reloxos Munumentais de Galicia” ou “Sinos de Bronce” que realizan un labor heroico e continuo, impartindo cursos por todas as parroquias galegas que os solicitan. O seu éxito é a proba de que o interese existe.
Sen ir máis lonxe, no ano 2025, na parroquia de Reboreda (Redondela), un curso organizado por estes colectivos reuniu decenas de persoas. E o máis esperanzador: a maioría era mocidade con ganas de aprender e de manter vivo o legado. Hai relevo, hai mans e hai ganas. Entón, onde está o problema?
A traizón dende os propios sacerdotes: O caso de Redondela
Resulta dolorosamente contraditorio que sexan os propios sacerdotes, os que deberían ser os primeiros custodios deste patrimonio, os que o están eliminando. Despois de prescindir dos campaneiros de Soutomaior e Nespereira (Pazos de Borbén), en Redondela a tendencia dos novos cregos é alarmante: están automatizando os campanarios e eliminando de raíz a figura do campaneiro tradicional. Hoxe, despois da recente eliminación do campaneiro da parroquia de Cesantes, o concello é un deserto sonoro manual onde só resiste un último bastión: a parroquia de Cedeira, á que pouco lle queda.
Por que este empeño en borrar o humano? Detrás desta automatización agóchase unha sospeita económica que non podemos obviar. É unha cuestión de recadación. Ao eliminar o campaneiro, os honorarios que tradicionalmente recibía este artesán do son pasan a ser xestionados directamente polo propio sacerdote. Se o obxectivo é converter o toque nun servizo tarifado e mecanizado para aumentar a caixa, estamos ante unha traizón ética e cultural sen precedentes.
Un chamamento aos Bispados: Menos chips e máis tradición manual
Non podemos permitir que a tecnoloxía sexa a escusa para a deixación. Facemos unha apelación directa aos Bispados: teñen as obrigas de protexer o patrimonio cultural que lles di legado; deben dar instrucións claras e pertinentes que prohiban a eliminación do campaneiro alí onde haxa voluntarios ou profesionais dispostos a tocar, e volver restituír e novo os campaneiros que foron substituídos por sinos automatizados.
É necesario que o Bispado, en colaboración estreita cos colectivos de campaneiros, fomente a recuperación desta figura. A automatización debe ser o último recurso, non a primeira opción por comodidade ou lucro.
Se as campás deixan de ser tocadas por mans humanas, a nosa historia quedará muda. E un pobo que non sabe distinguir o son da vida do ruxido dunha máquina, é un pobo que xa non ten nada que dicir nin transmitir.