A súa tipoloxía é a propia das Rías Baixas, con combinación de pedra e madeira nos paneis laterais, ou realizados integramente en pedra.
Os que só conservan o esqueleto soamente necesitan que se lles repoña a madeira que perderon.
A porta, nos exemplares que conservamos aquí, vai normalmente nunha das cabeceiras.
O teitume é de tella.
O número de pés é de seis, un dos máis comúns nesta tipoloxía.
Nas fotos antigas que incluímos pódese ver a gran cantidade de canastros que formaba este conxunto, unha verdadeira beleza que non soubemos conservar ata os nosos días.
Hoxe en día é admirable visitar calquera dos conxuntos de canastros que existen polo noso territorio.
Non son soamente o testemuño vivo dunha economía que nos falaba da rica produción agraria que existiu neste lugar, senón que son tamén, e sobre todo, a expresión da nosa identidade, un elemento arquitectónico que nos identifica no mundo e que decora coa súa fermosura cada un dos recantos nos que os atopamos.
Aquí na vila temos varios exemplos que irán aparecendo no noso percorrido, como pequenas sorpresas que aparecen en determinados recantos inesperados entre as construcións urbanas.
VILA MARIÑEIRA E AGRÍCOLA
A existencia de tantos canastros pola vila evidencia que Redondela estaba abocada ao mar e tamén ao campo, o que dá conta da riqueza de posibilidades alimentarias que tivemos desde sempre.
Chama poderosamente a atención que non se estea traballando no mantemento dos canastros que fican en pé, nin se acometa a reconstrución daqueloutros que están esnaquizados, mais que conservan in situ as súas pezas.
Algúns deles están pedindo a berros unha intervención que lles recupere a dignidade do legado histórico e etnográfico que os define.
Outros están esnaquizados, mais con case todas as pezas no lugar, o que permitiría que puidesen volver a ser reconstruídos.
Como acertadamente apunta Juan Migueles na súa web “Anecdotario Redondelán”: “É unha mágoa que unha das rúas do barrio vello con máis interese histórico e patrimonial permaneza nun total abandono. Cunha escola taller de cantería e carpintería poderíanse restaurar os canastros e cuns paneis destacar os puntos de interese. O potencial turístico paga a pena, xa que existe un paseo baixo os arcos do viaduto de Pontevedra e a fotografía dos canastros coa ponte de fondo é unha das paisaxes máis fermosas que poden levar os nosos visitantes nas súas cámaras.
QUE É UN CANASTRO?
É unha construción singular destinada a gardar e conservar os alimentos producidos no campo para afastalos dos animais.
Nas casas ou alpendres serían vulnerables a calquera tipo de animal que puidese chegar a eses alimentos.
Os canastros están erguidos sobre piares que rematan nunha lousa redonda que impide que ningún animal poida acceder. Unha forma simple e práctica, mais, á vez, enxeñosa e estética de defender os alimentos.
A palabra canastro é a denominación que na nosa zona se lle dá ao nome máis xenérico: hórreo.
Por toda Galicia recibe diferentes nomes segundo a zona:
hórreo no centro-norte,
cabazo no noroeste da Coruña,
canastro na zona sur, máis raramente canasto,
cabaceiro entre o centro e o nordeste de Ourense,
canizo entre a ría de Vigo e o río Miño,
piorno no Salnés.
E por moitos outros lugares de Galicia recibe tamén outras denominacións máis locais.
Como se apuntou antes, á parte da súa función práctica, moitos deles tamén procuran unha estética que embelecen con todo tipo de adornos: cruces, pináculos, gravados, reloxos de sol, pedras fermosamente elaboradas e labradas…
Os materiais máis comúns poden ser completamente de madeira, combinacións de madeira e pedra, ou completamente en pedra. Tamén os hai realizados con vimbios entrelazados.
O teitume máis habitual é a tella, mais tamén existen exemplares teitados con palla.
Fontes de información: