Patrimonio cultural e lingua

Capela de Santiaguiño de Antas (Mos)

Mos, Mos

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta capela está situada na parroquia de Louredo, concello de Mos, na estrema coa parroquia de Guizán. Ao seu carón conflúen dúas vías de comunicación: a estrada Peinador-Os Valos e o Camiño Portugués de Santiago. A súa advocación ao apóstolo deixa clara a vinculación que mantén con este itinerario milenario.

A capela está rodeada por un grande adro con numerosas árbores e área de lecer con mesas e asadores. Neste lugar celébrase cada ano a festa do santo apóstolo, o día 25 de xullo, que coincide coa data máis importante que temos en Galicia: o 25 de xullo, día do apóstolo Santiago, no que se conmemora o Día de Galicia. 

Descrición

A capela actual é froito dunha reforma realizada pola comunidade de montes en 2003, tal como figura nunha inscrición existente na parte esquerda da fachada. Ten planta rectangular e está construída en perpiaño de granito. Está cuberta por un tellado a dúas augas.

Fachada 

Presenta unha dobre porta de entrada, con separación entre ambas as dúas. Esta dupla porta de entrada está porticada en pedra. No porticado salientan tres columnas nas que a parte baixa é cuadrangular, con catro caras, con rebaixe decorativo en cada unha das caras. A zona central das columnas posúe oito caras, e rematan nun capitel sobre o que elevan dúas molduras cuadrangulares. As tres columnas serven de apoio ao porticado pétreo que discorre sobre as dúas portas, con decoración moldurada e rematada cos cadanseu pináculo apuntado nos extremos.

Sobre este porticado aparece unha figura en altorrelevo do apóstolo Santiago montado sobre o seu cabalo  elaborado en pedra.

Campanario

Na zona superior da capela presenta un campanario cuadrangular apoiado en catro columnas con arcos de medio punto rematado cun tellado piramidal sobre o que se dispuxo unha pequena cruz de pedra, que representa na súa forma a cruz de Santiago.

Portas principais

Na parte superior das dúas portas aparece unha cruz de Santiago tallada en cadansúa folla. Na parte inferior podemos ver o outro dos elementos representativos do Camiño de Santiago: unha cuncha de vieira tallada en cada unha das catro follas que compoñen as portas.

Esculturas


Na saída do adro podemos ver varios monólitos conmemorativos; o máis salientable deles está dedicado ao Camiño de Santiago. Na parte inferior podemos ler a expresión alusiva “Camiño de Santiago”. Sobre ela represéntase o escudo do concello de Mos. 

No escudo atopamos unha flor que representa a actividade agrícola, o cultivo ornamental e a vinculación do termo municipal co río Louro. Ao seu carón, na zona dereita do escudo, atopamos o xadrezado representativo da casa señorial de Soutomaior, que desde a Idade Media exerceu unha grande influencia sobre estas terras, nas que se asentaron liñaxes desta histórica familia, como foi a figura do propio marqués de Mos. O escudo remata cunha coroa que representa o reinado de España. Finalmente, o monólito presenta na parte superior a inscrición dunha vieira, significativa do Camiño.

Isto fainos entender a forte vinculación entre Santiago e Galicia. O apóstolo dálle nome á capital da nosa comunidade autónoma, Santiago de Compostela, e alí remata o Camiño que nos une co resto da península e con toda Europa.

Outro dos monumentos que destacan é o dedicado ás mulleres maltratadas, que está formado por un monólito pétreo no que aparece insculpida na parte superior o busto da figura dunha muller que oculta parte do seu rostro coa man esquerda.

Máis información

Galería de imaxes

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural