Este elemento decorativo conserva na actualidade a feitura de arco conopial, caracterizado pola forma sinuosa que remata nun apuntamento central.
No interior dese bordo en dobre curva albérganse varios elementos decorativos, simetricamente dispostos a ambos os lados do eixo central.
Nesa zona central hai unha figura pentagonal que contén seis cunchas no seu interior, unha centrada e as outras cinco dispostas en cada un dos vértices do pentágono.
A ambos os lados desta figura poligonal repítense simetricamente dispostas outras dúas figuras con forma de cordas colgantes a cada lado, e catro cunchas, dúas en cada lateral da figura central.
O edificio é de dobre planta con dúas fachadas e un chafrán.
A fachada da rúa do Cruceiro presenta tres xanelas pequenas na planta inferior cunha porta de entrada. A pedra ornamentada está entre dúas das xanelas. No andar superior ten outras dúas xanelas.
A fachada da rúa que dá á praza da Constitución presenta un gran portón mais unha porta de entrada. No andar superior ten un balcón de pedra con porta e xanelas.
Entre as dúas fachadas podemos ver un interesante chafrán cunha xanela en cada planta.
A cornixa que envolve as fachadas do edificio está traballada.