A rúa na que se atopa esta casa chámase Cabo dos Fumeiros pola súa proximidade ao antigo cabo dos Fumeiros. A denominación de fumeiros pode deberse a dúas posibilidades: lugar onde se afumaba o peixe ou lugar onde se colgaban as redes en longos “fumeiros” verticais.
![]() |
Cabo dos Fumeiros en 1900 |
Nunha das fotos antigas deste punto podedes ver o cabo dos Fumeiros como era cando o mar chegaba ata este mesmo lugar.
CASA DO CRISTO DE LIMPIAS
Esta vivenda tamén foi coñecida como a casa do Cristo de Limpias, nome que lle proviría dunha anécdota ocorrida durante unha das procesións do Santa Cristo ao seu paso por este lugar. No baixo da casa había unha taberna onde refuxiaron a imaxe para abrigala da chuvia que caía durante a procesión.
ESCUDOS
Son de salientar os dous brasóns que ten na fachada.
Escudo grande encastrado na parede da fachada.
Está formado por dúas pezas independentes:
Na parte superior unha cimeira con figura de helmo fidalgo con dous penachos.
Na parte inferior vemos un escudo dividido en tres campos:
Cuartel superior esquerdo: un xadrezado con decoración estriada, pertencente á casa dos Ulloa.
O xadrezado adoita simbolizar a arte militar ou a exposición da vida en acción militar sanguenta; tamén pode facer referencia á condición de mestre de Campo.
Cuartel inferior esquerdo: tres fileiras de triángulos isocelados (triángulos isósceles), rodeados por unha bordura composta de cinco cadros, con cinco puntos bezantes interiores cada un deles, representa a casa dos Acuña.
Os triángulos poden simbolizar a perfeccción divina. Os puntos bezantes (de Bizancio) poden ser levados polas casas cuxa liñaxe participou na conquista e Terra Santa. A bordura exterior deste cuartel inferior pode ter varios posibles significados: unhas veces pode representar a conexión con outra liñaxe, por alianza familiar; noutras ocasións pode significar o premio concedido a quen participou nun combate de sangue.
Cuartel dereito: un campo liso con trece estrelas hexapétalas, pertencente á casa dos Salazar; as estrelas adoitan simbolizar a heroicidade ou o desempeño de altos cargos.
Escudo situado na parte superior da fachada
É un fragmento dun escudo maior. Aparece pendurado no muro, pertence á familia dos Prego de Montaos. Identifica esta liñaxe a figura de tres torres situadas sobre unha ponte con tres arcos, neste caso combinado cun xadrezado entrambas. Esta figura pode atoparse en numerosos escudos pola vila.
O castelo simboliza a grandeza e poder da liñaxe, protección dos aliados e resistencia ante os inimigos. Este significado, sumado ao que vimos máis arriba para o xadrezado, dános idea da importancia e relevancia desta familia.
Desta casa cóntanse máis historias. A presenza dunha taberna no baixo fainos pensar na posible existencia dunha pousada na casa, xa que parece que contén un patio interior con baixos para cabalerizas e mercadorías e a planta superior para durmir.
CAPELA
![]() |
Foto antiga da rúa do Cabo dos Fumeiros onde se pode apreciar a capela á dereita |
A capela desapareceu baixo a contrución moderna que está apegada a esta casa fidalga.
Na imaxe antiga pode verse aínda a capela que existía neste lugar.
PREGO DE MONTAOS
A liñaxe do Prego de Montaos foi das máis importantes de Redondela durante os séculos XV, XVI e XVII. Ocuparon cargos principais e fundaron o convento de Vilavella. A figura das súas armas, que mostramos nunha das imaxes, identifícase por un castelo de tres torres ameadas sobre unha ponte de tres arcos. Está presente na maioría dos escudos dos edificios importantes do concello, tanto civís coma relixiosos.
Fonte de información:
Anecdotario Redondelán (escudos) (capelas)
(imaxe interactiva)