Aínda que na actualidade se ve en ruínas e só conserva a fachada, esta chama atención pola fermosura da súa galería redondeada en pedra.
Non son moitas as vivendas redondeláns con galería en pedra (nesta mesma rúa hai outra pouco antes de chegar ao cruceiro dos Pasais), algunhas delas de gran fermosura e porte, mais esta da casa do Palmeiro destaca por esa forma redondeada, sostida con dúas columnas centrais, que provoca un fermoso efecto de pronunciamento da galería cara ao exterior.
Tamén destaca o arco de medio punto do portón da planta baixa, sobre o que se abre unha terraza con balaústre redondeado.
Tanto a galería coma a xanela que ten ao seu carón dispoñen unhas decoracións estilizadas que se estenden po debaixo do peitoril.