Localización
Na rúa da Pantalla, do barrio do Coto, en Cesantes, atopamos este fermoso exemplo arquitectónico de casa indiana en Redondela.
O acceso á propiedade realízase a través dun portón de entrada columnado, coa identificación da casa, “O Bosque”, que nos conduce por un extenso paseo cuberto de arcos metálicos de viña ata a entrada principal da vivenda.
Historia e tipoloxía
As casas indianas son aquelas que presentan unhas características construtivas, diferentes ás edificacións tradicionais galegas, como consecuencia do primeiro gran movemento migratorio producido entre a segunda metade do século XIX e as primeiras décadas do XX.
Presentan un gran porte e elegancia construtiva que responde ao esquema de vivenda unifamiliar independente rodeada de natureza viva e que se complementa con construcións anexas.
A palabra “indiana” fai referencia ás persoas emigradas ao continente americano que fixeron fortuna e edificaron na súa terra natal estas grandes casonas como mostra da súa prosperidade .
As casas indianas acostuman estar formadas por un soto, una planta baixa, un ou dous pisos e un gran faiado completado con mansardas.
Esta casa denominada “O Bosque” foi construída polo empresario José Táboas, emigrado ao Brasil. Posteriormente, “O Bosque” foi herdado pola súa filla Dionisia Táboas, que casou con Aurelio García, propietario dunha empresa de autocares en Redondela. Finalmente, esta casona indiana foi herdada por unha filla deste matrimonio chamada Andrea García Táboas.
Nunha parte da extensa propiedade orixinal, un fillo de José Táboas, chamado tamén José Táboas, emigrado ao Brasil coma seu pai, onde fixo fortuna como empresario da construción, edificou un chalé considerado unha vangarda da arquitectura na súa época, que hoxe é propiedade dunha empresa que o dedicou á hostalaría, denominado “Finca Tábata“.
Descrición
A vivenda presenta unha planta rectangular con varios andares e un baixo cuberta.
A súa estrutura combina muros de perpiaños de granito na parte inferior, o que lle achega solidez e robustez, mentres que a parte superior está revestida cun ton avermellado con detalles decorativos en branco que acentúan as xanelas e as esquinas.
A planta superior baixo cuberta presenta catro grandes divisións estruturais con caída a tres augas en cada unha delas, o que lle proporciona ao tellado no seu conxunto un gran porte e elegancia de formas, o que acentúa o seu aspecto señorial.
Este deseño arquitectónico ofrece castro fachadas case iguais, o que proporciona unha grande harmonía de conxunto. Unha solución e desenvolvemento arquitectónico semellante a este podemos velo noutro exemplo de casa indiana en Soutoxuste (O Viso).
Algo rechamante na configuración global desta gran casa indiana é a súa integración na paisaxe da contorna, rodeada de vexetación e cun xardín delimitado por un muro de pedra. Ademais, a presenza dunha entrada con pilastra de pedra co nome “O Bosque” suxire que esta vivenda pertence a unha propiedade que posuía, nun principio, unha considerable extensión, mantendo a estética señorial dos pazos galegos.
Outro elemento como engadido moderno que podemos observar é o alpendre lateral con arcos, que podería servir como espazo auxiliar, pero que, neste caso, rompe a estética orixinal do edificio.