Nesta casa grande viviu un dos alcaldes que tivo Redondela a comezos do século XX: Avelino Giráldez.
As chamadas casas indianas reciben este nome por unha serie de características que chaman a atención a simple vista.
Trátase dunha gran casona rodeada por un amplo xardín (neste caso reducido co paso do tempo) con árbores exóticas (palmeiras e rododendros) e os balaústres de pedra decorados con xerros. A propiedade está fechada por unha fermosa forxa na que aparece destacado o nome da propiedade: Villa Elisa.
Ao redor da casa podemos observar dúas elaboradas escalinatas para dar acceso desde o xardín a cadansúa fachada. As fachadas presentan unha gran simetría marcada por grandes xanelas regulares de de dimensións semellantes.
Nunha das fachadas da casa destaca unha galería á que se accede por unha das escalinatas. Esta galería foi un engadido posterior pechando unha terraza orixinal, tal como pode observarse na foto antiga.
Coroan o tellado do edificio catro mansardas abalconadas con dobre porta, gardando a simetría que caracteriza todo o edificio.
Podemos salientar tamén algúns elementos decorativos como son as barandas pétreas das escalinatas, o remate columnado das esquinas da vivenda, que se repite no centro da fachada, a decoración labrada que rodea todos os vans de portas e xanelas, a fermosa forxa que presentan os balcóns e as xanelas e os remates columnados das mansardas do tellado con volutas cuadrangulares na parte inferior e circulares na parte superior.
Fontes de información:
Galipedia (fotografía antiga)