Patrimonio cultural e lingua

Casa La Chicharra

Cedeira, Redondela

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta fermosa vivenda está situada na marxe esquerda da estrada nacional N-552, en dirección a Vigo.

Ten un dominio visual amplo cara ao norte sobre a enseada de San Simón e a zona do estreito de Rande. Esta panorámica contémplaa desde a ampla terraza que ten no exterior da vivenda, rodeada por un enreixado metálico que discorre sobre o muro de peche construído en cachotería de granito. Na metade do percorrido do enreixado ábrese unha pequena balconada de forxa cun arco metálico de medio punto sobre ela.

Na entrada á propiedade hai un portalón metálico cun pequeno banco ao seu carón decorado con azulexos azuis e brancos de estilo andaluz. Estes azulexos presentan tres decoracións diferentes. Sobre o banco pode lerse a inscrición, realizada con azulexos tamén, co nome da  vivenda: ” La Chicharra”. Este conxunto está rematado cunha cuberta de tellado a tres augas, con tellas que repiten a alternancia de cores dos azulexos, sostida por dúas pequenas columnas.

Historia

Non se coñece con precisión a data da súa construción. O ficheiro de elementos patrimoniais do Concello de Redondela sitúaa no século XIX, mais tamén aparece construída en 1910 noutras referencias. Podemos adscribila a unha estética de estilo pintoresco, propio dalgunhas construcións edificadas nas aforas das vilas e cidades.

En 1920 vivía nela a pintora viguesa Elina Molíns Fernández Chao (1875-1956). Foi unha das mulleres pioneiras da pintura en Galicia. A súa obra foi premiada na Exposición rexional de Lugo de 1896. Estivo casada co empresario Ramón Menacho Miranda, posuidor do comercio do carbón que abastecía as embarcacións a vapor da ría de Vigo. 

Máis tarde aparece como propietario o vigués Gerardo Campos (1881-1964), presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo e do Círculo Mercantil.

Un dos valores históricos que ten esta casa é a de aparecer como escenario para a rodaxe de dúas películas:

  1. A primeira, titulada Maruxa, dirixida por Henry Vorins en 1923, baseada na zarzuela co mesmo título de Amadeo Vives. Os títulos desta película muda tiveron unha versión en galego realizada polo escritor e activista galeguista Manuel Lugrís Freire, pai do pintor Urbano Lugrís. A película narra a historia de amor dunha moza e un mozo nunha contorna rural.
  2. A segunda, titulada Carmiña, flor de Galicia, do director italiano Rino de Lupo, estreada en 1926 e proxectada en Vigo por primeira vez na desaparecida sala de cine Rosalía de Castro en 1927. A música da película esta baseada en melodías galegas, arranxadas polo compositor vigués Santos Rodríguez Gómez e interpretada polo coro de Lavadores “Queixume dos Pinos”. A película é un melodrama costumista que narra a desventurada vida dunha moza enganada por un aristócrata.

Descrición

A casa é de planta rectangular, con dous andares e tellado con baixo cuberta, cunha gran bufarda sobre a fachada principal e outras dúas máis pequenas na fachada oposta. Esta disposición do tellado cun total de oito augas destaca a estética da edificación, rompendo a continuidade plana dunha simple cuberta.

As paredes están rebocadas en branco con perfilamentos de cantería, tanto nos vans das xanelas coma nas divisorias dos andares e esquinais da vivenda.

Na fachada principal dispúxose un nicho no que se representa, en azulexos, unha imaxe da Virxe, cuberta cun telladiño a tres augas, con alternancia de cores nas tellas semellante ao telladiño que hai acaroado ao portón de entrada.

Apegada á planta superior da fachada oeste ábrese unha gran terraza con balaustrada de pedra.

Ao redor da vivenda hai varias construcións anexas.

Visualmente destaca a numerosa vexetación de plantas, arbustos e árbores que proliferan por toda a propiedade, o que acentúa o estilo pintoresco da propia construción.

Referencias

Iglesias Veiga, José Ramón: “Arquitectura rexionalista no concello de Redondela”, en SEREN nº 6.

Juan Migueles, Anecdotario Redondelán

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural