Patrimonio cultural e lingua

Casa masónica

Redondela, Redondela

A porta que aparece no chafrán desta fermosa vivenda de balcóns corridos presenta  dúas follas. 

Na folla da nosa dereita presenta as seguintes tallas:

  • Unha figura de ave, posiblemente unha aguia, mirando cara á esquerda.
  • Unha man que agarra un mazo, un cicel e un pico.

Na folla da nosa esquerda presenta as seguintes tallas:

  • Unha figura de ave, prosiblemente unha aguia, mirando cara á dereita.
  • Unha man que agarra un metro de tres pregamentos e un posible lapis ou panca.
  • Un compás sobre un escuadro.

A simple vista, configuran as ferramentas dun traballador da pedra; mais nunha lectura que relacione todos estes elementos, quizais poidamos acharnos ante os símbolos identificadores dunha loxa masónica que tivese relación con esta vivenda. Pensemos que os “traballadores da pedra”, os masóns, son os herdeiros das antigas tradicións dos construtores dos templos sagrados a través do traballo de labrado e puído da pedra bruta transformándoa en pedra perfecta. Ese é o mesmo símbolo do espírito masón sobre a nosa existencia: converter a pedra bruta e sen formar da nosa vida en obra perfecta con todas as virtudes e valores que caracterizan o ser humano elevado.

Símbolos masónicos presentes na porta:

Aves

A masonaría emprega a aguia con dúas cabezas, cada unha mirando para un lado diferente. Nesta porta temos dúas aves, posiblemente aguias, unha en cada folla da porta, gardando unha simetría, mirando cada unha para un lado diferente tamén.

A aguia simboliza o ser humano sabio que, dende a altura que lle proporciona a súa intelixencia e mediante o emprego da audacia, a investigación e o xenio, é capaz de contemplar a cegadora luz da verdade. No panel simbólico desta portada está colocada no lugar máis elevado, tal como lle corresponde.

Unha das súas cabezas mira cara ao infinito do pasado, e a outra cara ao infinito do futuro; unha das cabezas representa a orde e a outra o progreso.

As alas despregadas representan o prontos que han de atoparse os masóns para emprenderen a procura constante da verdade.

O mazo

O mazo simboliza a forza que rompe a pedra bruta, é o golpe certeiro da forza dun brazo, expresión de vontade e concepción da procura dun fin estético, o esforzo constante para conseguir un logro; para isto, o uso do mazo require concentración, disposición, consistencia e tenacidade no seguimento dun ideal ata acadar o resultado proposto; isto é o sentido da nosa perfección interior, como elemento  transformante ao servizo dos demais.

Vinculado ao símbolo do mazo aparece tamén en numerosas representacións a figura do pico, como primeiro elemento desbastador da pedra bruta que, posteriormente, será traballada co mazo e o cicel.

O cicel

Cicel e mazo compleméntanse. O mazo co seu peso golpea, o cicel, recibindo eses golpes de forza, rompe, perfora,  alisa. É a forza do mazo, xunto con posición exacta do cicel, a que permite o desbastamento da pedra, que aos poucos a ira convertendo en fermosa e notable escultura. Unha combinación harmónica, para ser expresión creadora, que leva, no seu golpe e cálculo, o sinal da estética, conducindo co paso do tempo ao logro da creación perfecta da pedra puída.

O brazo e a man

Simbolizan a intención, a vontade consciente, o control  e a precisión do golpe que exercemos no mazo e a dirección en que orientamos o cicel con que lle damos forma á pedra bruta ata transformala na perfección. É o elemento que sostén e dirixe a nosa acción en conexión directa coa orientación da nosa intelixencia.

Regra

A regra masónica de 24 polgadas está dividida en tres tramos pregables de oito polgadas. Cada tramo representa unha medición temporal: as divisións diarias do traballo, o descanso e o crecemento persoal a través da relación e a reflexión; e tamén representan a medición das diferentes etapas da vida: a xuventude, a madurez e a vellez.

A regra simboliza, en definitiva, a medición da nosa vida, de cada unha das 24 horas do día, dos nosos actos, do que pensamos e do que dicimos, do noso ideal de construción persoal a longo da vida.

Panca 

Simboliza a capacidade de vencer calquera resistencia que se presente aplicando a forza e intelixencia necesarias; invítanos a pensar en como actuar para conseguir desprendernos do lastre das nosas imperfeccións.

Compás e escuadro

O escuadro e o compás poden ser interpretados como representación da dualidade entre o mundo terreal e o mundo espiritual. O escuadro representa o equilibrio da medida xusta, a estabilidade, o instrumento que permite medir as propias accións en consonancia cos principios da  masonería. O compás, en cambio, traza o círculo que simboliza os límites das propias accións. Representa a fronteira entre as limitacións dos humanos e a eternidade.

FONTES:

Arte masónico

Las herramientas masónicas

Simboloteca

Logia Luz de Girardot

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural