Patrimonio cultural e lingua

Choza de pastores da Nogueira (O Viso)

O Viso, Redondela

Por encima da aldea da Nogueira, na montaña, atopamos os restos dunha pequena construción en pedra que foi, con toda probabilidade, unha choza de refuxio para os pastores que alindaban o gando por estes lugares.

Medidas

Alto:

Diámetro:

Descrición

A choza ten forma circular e presenta unha entrada que mira cara ao oeste, para o mar. A estrutura que se conserva está formada por cachotes de xisto de tamaño irregular. Descoñecemos se presentaría unha altura máis elevada; aínda que, se observamos, os muros presentan a mesma elevación en todo o perímetro, non están a diferentes alturas. Ademais, a terra que arrodea a construción chega ata o alto do muro que se conserva na actualidade. Este é un detalle significativo porque a choza está integrada no desnivel natural do terreo para aproveitar o acubillo que ofrece, así como o sostén para os propios cachotes da construción.


A vista deste aquí é espectacular, xa que se enxerga a enseada de San Simón e a ría en toda a súa extensión. Á esquerda da ponte de Rande todo o monte Mirallo ata o aeroporto de Peinador, abranguendo as parroquias de Cedeira, Negros, Cabeiro e Saxamonde. A vila enteira de Redondela tamén se pode ver con claridade, e, dende a vila cara a nós vén a parroquia de Cesantes subindo pouco a pouco ata o encontro co Viso.

Este tipo de construcións son bastante habituais en Galicia e norte de Portugal. Foron realizadas ao longo de séculos e a súa datación é difícil de establecer. En Redondela este é o único exemplar que coñecemos polo momento. Preto de nós, en Fornelos de Montes, deuse a coñecer hai poucos anos un conxunto de posibles chozos que xa estaban rexistrados no século XVI.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural