Patrimonio cultural e lingua

Cruceiro da casa de Sesé

Redondela, Redondela

Localización

Este cruceiro está situado dentro do patio da casa do falecido artista redondelán Sesé. Encóntrase rodeado doutras obras artísticas que decoran este patio. 

A casa está en Vilavella, fronte á praza que hai na explanada do convento. Na súa contorna, ademais do propio convento coa súa igrexa, tamén podemos ver outro dos fermosos cruceiros con peto de ánimas que temos en Redondela, así como as denominadas “marcas do rei”, uns pequenos monumentos conmemorativos na honra do rei Carlos IV que foron colocadas sobre a ponte que atravesa o río Maceiras. Neste lugar do río ten o seu punto de partida un sendeiro fluvial acondicionado polo concello, que percorre as súas marxes.

Descrición

Plataforma

Ten forma cadrada e está formada por tres chanzos sobre os que se eleva directamente o fuste do cruceiro. Sobre o terceiro chanzo hai un recipiente en pedra con forma de copa, que podería ser destinado a recoller ofrendas.

Fuste

Ten forma cuadrangular, rebaixado nas arestas a partir dos vinte centímetros e vinte centímetros antes do seu remate, o que lle dá unha forma octogonal ao longo da sección central.

O fuste remata cun colariño tamén cadrado de bordos redondeados.

Capitel 

Ten forma cadrada, con decoración vexetal de follas de acanto nas catro caras do cesto e remate superior con bólas en todas as caras.

Sobre o capitel vai un ábaco cuadrangular sobre o que se apoia a cruz.

Cruz

Presenta unha dupla figuración: un Cristo crucificado no anverso e unha piedade no reverso.

A cruz é cuadrangular, con rebaixes ao longo das arestas e remates cadrados sen rebaixes nas arestas.

Os brazos da cruz rematan con incrustacións, engadidas posteriormente.

Na parte superior do anverso, sobre a figura do crucificado, figura a habitual cartela, de pequeno tamaño, coa inscrición INRI.

Cristo

Crucifixión de tres cravos, con perna dereita sobre a esquerda. 

Pano da pureza anoado á dereita. Cabeza tamén ladeada cara á dereita, o lugar no que se sitúa a Virxe ao pé da cruz mentres o seu fillo morre mirando cara a ela.

As pernas están modelas con pouco detallismo, que si recupera na representación das costelas e o rostro, con barba e cara ben trazada. O cabelo é longo e leva a coroa de espiñas sobre ela.

Os brazos están estendidos cos mans abertas.

Piedade

No reverso da cruz represéntase unha Piedade na que aparece a Virxe co seu fillo morto no regazo. A aVirxe está representada cun manto que cobre todo o seu corpo desde a cabeza ata os pés, matizando as pregaduras do manto especialmente na zona en que se apoia Xesús.  O seu rostro denota dor e sufrimento e mira cara á fronte, amosando ao espectador o sacrificio do seu fillos por todos os cristiáns.

Cristo aparece xacente sobre o regazo da súa nai, coas pernas caídas polo lateral do corpo da Virxe e o seu brazo dereito tamén se mostra inerte amosando a realidade da súa morte. Tanto as costelas do peito coma o seu rostro e cabelo caído aparecen ben matizados, cunha acentuada expresión mortuoria en toda a súa figura.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural