Patrimonio cultural e lingua

Cruceiro da Ponte do Esteiro

Cesantes, Redondela

 

Localización

(Ver en Google Maps)

Este cruceiro está situado nun cruzamento de vieiros, entre o camiño da fonte de Ribas, o camiño do Esteiro e a estrada do campo de fútbol.

Acaroado a unha vivenda, érguese á beira do Camiño Portugués de Santiago, que, á súa vez, é estrada de paso de numerosos vehículos diarios ao seu carón. Non conta con ningunha protección contra posibles impactos. De feito, o cruceiro que vemos na actualidade non é o orixinal. O antigo cruceiro foi esnaquizado hai uns anos por un vehículo. O actual foi recreado en 2023 a partir dos testemuños das persoas da veciñanza que o recordan. Do anterior cruceiro só se conservou o pedestal, que estivo cerca de desaparecer soterrado polos sucesivos asfaltados da estrada.

A denominación de Ponte do Esteiro fai referencia a dous elementos paisaxísticos da contorna. Por unha parte está situado nas proximidades da ponte que pasa sobre o río Pexegueiro, que discorre polas inmediacións. Por outra parte, a palabra esteiro fai referencia á zona onde desemboca un río no mar, o que quere dicir que un pouco máis adiante estaba a desembocadura do río Pexegueiro. Onde se sitúa agora mesmo o campo de fútbol todo era marisma ata medidos do século XX.

Descrición

Non posúe a habitual base de chanzos, como ocorre na maioría dos cruceiros, senón que se ergue directamente a partir do denominado pedestal.

Pedestal

O pedestal está formado por dúas pezas cuadrangulares unidas. A máis pequena, acaroada á principal, contén un peto para depositar esmolas, fechado cunha pequena portiña metálica coa correspondente rañura para inserir as moedas. 

A peza maior do pedestal, sobre a que ergue o fuste do cruceiro, presenta un retablo de ánimas formado por tres bustos de figuras humanas cos brazos cruzados sobre o peito. Debido ao desgaste, non se aprecian trazos do rostro ou do corpo que nos permitan identificalas con algún dos personaxes característicos que poden aparecen neste tipo de composicións de ánimas: homes, mulleres, eclesiásticos, reis… A actitude penitente das tres figuras, xunto co peto que hai ao seu carón permítennos identificar o conxunto como un peto de ánimas, aínda que faltan algunhas das iconografías representativas da maioría dos petos de ánimas, como é a figura de Xesús crucificado, a Virxe ou algún personaxe santo na parte superior do retablo, e a representación do inferno mediante as chamas ardentes. Estes elementos podemos atopalos en dous exemplos ben característicos que hai no propio Camiño Portugués de Santiago: o cruceiro e peto de ánimas de Vilavella e o cruceiro e peto de ánimas da ponte dos Pasais.

Fuste

Esta columna comeza con forma cuadrangular e continúa como octogonal. A forma cuadrangular ten como ornamentación uns rebaixes internos nas catro caras. O fuste remata cunha moldura octogonal de adorno na parte superior. Esta moldura recibe o nome de sumoscapo.

Capitel

A zona inferior do tambor do capitel está decorado todo ao redor das catro caras con follas de acanto, máis pequenas no centro e máis grandes nas esquinas.

Na parte central das catro caras do tambor do capitel aparecen catro caveiras representando a morte.

As esquinas superiores do tambor do capitel, sobre as follas de acanto, están decoradas con volutas.

Sobre este tambor van apoiados os dous seguintes elementos que forman a decoración do capitel: o equino e o ábaco, cuadrangulares e coas arestas centrais cóncavas.

Cruz

De forma cuadrangular e lisa, só amosa dous elementos decorativos: un INRI moldeado na parte superior en forma de pergamiño e o Cristo crucificado, como única figura iconográfica, no anverso. Representa a crucifixión con tres cravos, os brazos estendidos en oblicuo, a cabeza ladeada cara á dereita, con barba, cabelo longo e coroa de espiñas; a caixa torácica pronunciada e o ventre afundido cara a dentro; o pano da pureza anoado na parte dereita do corpo; a perna dereita sobre a esquerda, lixeiramente flexionadas, atravesadas cun único cravo.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural