Hai varios elementos que chaman a nosa atención ante a contemplación deste cruceiro, desde a base ata a perfección das figuras da cruz.
A base está conformada por tres chanzos cuadrangulares superpostos.
Sobre eles eríxese un cubo pétreo que ten na fronte un rebaixe circular no que figura a inscrición e data seguintes :
“A DEVOCIÓN / DE LOS SEÑO / RES DON MANUE / L DE OCHOA I SU ESP / OSA SE HIZO ESTE / SANTO CRUZERO / EN EL PRESENTE / AÑO DE / 1790”
Esta inscrición pode relacionar o cruceiro coa Casa Grande do Carballo que acabamos de ver, xa que Manuel Ochoa podería ser Manuel Ochoa Varela, fillo de Pedro OChoa Orcasitas, que chegou a ser capitán do Rexemento de Milicias provinciais, posteriormente incorporado ao exército de América.
Nas outras dúas caras contrapostas presenta cadanseu nicho con arco de medio punto. Aínda conserva trazos do portelo que os fechaba. Seguramente fosen empregados como esmoleiros no seu momento.
Sobre este monólito cuadrangular levántase o varal do cruceiro. Comeza sendo cadrado e continúa con forma octogonal, estreitándose a medida que se vai elevando ata chegar ao capitel.
O capitel ten catro caras en correspondencia cos lados da base. No centro de tres das cara do capitel podemos ver unha cabeza de anxo, e na cara que está aos pés do Cristo crucificado presenta, en cambio, unha caveira.
A figura de Cristo está realizada cunha fineza e matizado das formas que lle proporciona unha gran beleza e expresividade. Na factura dos brazos amósase a contorsión provocada polo peso do seu corpo no momento da agonía, coas mans fechadas aferrando os cravos que o sosteñen na cruz.
A figura da Virxe está erguida, coa figura do seu fillo, pequeno, no seu colo. Sobre a súa cabeza o escultor representou dous anxos sostendo a coroa que a proclama como raíña dos ceos.
Fonte de información: