Localización

Na actualidade podemos ver este cruceiro xunta no interior da zona ampliada do cemiterio de Cesantes que arrodea polo Leste e o Oeste a igrexa parroquial de Cesantes. Ocupa o lugar central da ampliación. Para chegar a el, despois de entrar no cemiterio, debemos dirixirnos cara ao oeste, sempre en descenso polo interior do camposanto. A ampliación localízase ao final do cemiterio.
Historia
Na ficha do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Redondela aparece como posible datación o século XVII, en base á súa semellanza cos cruceiros que se atopan no adro da igrexa (no pedestal figura a data 1693) e na casa parroquial da igrexa de Cesantes, así como no torreiro de San Pedro, que está a uns cen metros de distancia, que tamén se adscriben nesta época un pouco posterior á construción do templo barroco actual en 1670.

Segundo se recolle na catalogación realizada polo Seminario de Estudos Redondeláns (2005) os cruceiros estaban situados no valado exterior do cemiterio e poderían formar parte dun posible via crucis.
Os catro cruceiros foron recolocados nos seus respectivos lugares actuais a raíz da ampliación que se lle fixo ao cemiterio en 1976, cando a parroquia era levada polo sacerdote Francisco Alvite Lago.
Descrición
Baseamento ou plataforma:
- De factura moderna, corresponde ao momento en que emprazado no cemiterio. Ten forma cuadrangular, simple, sen chanzos e sen decoración.
Pedestal ou base:
- Tamén é de factura moderna. Apréciase claramente a diferenza de pedra entre a base e o varal con respecto ao capitel e a cruz, que son máis antigas.
- A base ten forma cuadrangular, con rebaixes cóncavos superiores nas catro caras.

Fuste ou varal:
- Ten forma cuadrangular, con arestas rebaixadas, dándolle unha forma oitavada, sacado a zona inferior e a superior do varal que é cadrado.
- O fuste ten unha sección uniforme, sen elementos ornamentais.
Capitel:
- O primeiro que temos que apreciar neste capitel é que está invertido. Se o comparamos cos dos outros tres cruceiros que se atopan na contorna, semellantes a este, vese que o colocaron invertido.
- A base actual do capitel sería, orixinalmente, a base da cruz superior. está formado por un taboleiro prismático, sen ningunha decoración.
- O capitel, como apuntamos, tamén está invertido. Ten forma circular, dividido en varias seccións molduradas. A moldura inferior presenta unha cara exterior redondeada; as molduras intermedias teñen as caras planas; a moldura superior, máis estreita ca as outras, presenta a cara redondeada.
- As súas dimensións son de 43 cm de altura e 34 cm de ancho.

Cruz:
- A cruz é cuadrangular, de sección lisa e sen imaxes ou relevos adicionais. Mide 65 cm de alto e 62 cm de largo.
Referencias
Ficha CS11 do catálogo do PXOM de Redondela
Antuña Souto, Carlos; Orge Quinteiro, José A.: “Cruces, cruceiros e petos de ánimas no concello de Redondela, en SEREN, nº 1, 2005.
Fernández de la Cigoña e Núñez, Estanislao: Cruces, cruceiros, esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Ed. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE), 2005.
Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes, lavadoiros e muíños de Cesantes, Jadfel Artes Gráficas, 2019.