Toda esta praza de Ponteareas formou no seu tempo un fermoso conxunto no que ao noso arredor aínda quedan testemuños deste emblemático lugar da Vilavella: este cruceiro co seu peto de ánimas, a fonte de auga, o convento e a igrexa antiga que o acompaña. Moi preto da praza aínda se pode albiscar a ponte sobre o río Maceiras, afluente do río Alvedosa, que posúe a ambos os lados cadanseu leguario conmemorativo no que se poden ler algunhas palabras gravadas.
Unha das particularidades especiais deste cruceiro é a de posuír ao seu carón un peto de ánimas. Aquí na vila só existe outro cruceiro con peto de ánimas semellante a este: o cruceiro dos Pasais.
Ata os anos setenta do século pasado, este cruceiro estivo no outro lado da rúa, en fronte da localización actual, tal como pode observarse en fotos antigas.
Descrición do cruceiro
A altura total deste cruceiro de de 4,85 m e consta dos seguintes elementos:
![]() |
Plataforma do cruceiro |
Plataforma: Está formada por dous chanzos; o inferior é cuadrangular, soterrado xa a un nivel inferior ao pavimento. O superior tamén é cuadrangular pero coas esquinas en chafrán.
![]() |
Base do cruceiro |
Base: Presenta unha forma cadrada e ben labrada con figuracións. Destacan nela as catro cabeiras que hai nas esquinas e os ósos cruzados que aparece no centro dunha das caras.
A representación da morte a través destes elementos recórdanos, desde a óptica cristiá, que todos seremos chamados nalgún momento, polo que temos que coidar a nosa alma ante a morte e pregar polas ánimas dos que nos precederon, representadas no peto de ánimas que ten ao seu carón.
![]() |
Fuste do cruceiro |
Fuste ou varal: Ten forma cilíndrica con vinte formacións estriadas ao seu redor.
![]() |
Capitel |
Capitel: Estamos ante un clásico capitel corintio composto. Comeza cunha base ou astrágalo de moldura circular da que van sobresaíndo oito follas lobuladas de acanto. Por encima destas follas, o capitel remátase con catro floróns con forma de volutas espirais nas esquinas. Entre cada unha destas volutas atopamos catro cabezas de anxelotes. Completa o capitel unha cornixa cuadrangular cóncava moldurada.
O conxunto decorativo que forma este capitel é de gran beleza porque lle dá gran dinamismo, viveza e continuidade á estilización en altura que lle proporciona ao cruceiro a decoración estriada do fuste.
Cruz: Toda a cruz está labrada nunha única peza de pedra.
No anverso represéntase a figura de Cristo crucificado, con tres cravos.
Presenta os brazos estendidos case en paralelo á cruz e apegados a ela. A cabeza tena ladeada cara á dereita, como é habitual nos nosos cruceiros, e unha coroa de espiñas metálica arredor do seu cabelo.
No reverso da cruz é onde atopamos unha figuración con gran dramatismo expresivo.
Nela vemos unha fermosa Piedade. A Virxe, vestida cun gran manto que a cobre por completo, está sentada co Fillo morto no seu colo. A figura de Xesús presenta as extremidades -brazos e pernas- caídas a ambos os lados das pernas da súa Nai, amosando todo o dramatismo da morte posterior á crucifixión.
Peto de ánimas de Vilavella
Está situado acaroado ao cruceiro de Vilavella, no centro da praza de Ribadavia, entre a fonte da praza e o convento. É normal atopalo decorado con flores, candeas e ofrendas de froitos do campo, como xa viramos no peto de ánimas dos Pasais.
O peto de ánimas está dividido en dúas partes:
A base inferior é monolítica cunha forma de dobre prisma de diferentes tamaños.
O prisma pequeno leva unha inscrición, habitual en moitos petos de ánimas, na que nos recorda o significado intrínseco deste tipo de monumentos populares: “Romped, romped / mis cadenas / Alcanzadme libertad / cuan terribles son mis / penas / Piedad cristianos / Piedad”.
Nesta inscrición lémbrasenos o sufrimento das almas que están penando os seus pecados no purgatorio, e a necesidade de que preguemos por elas e depositemos esmolas neste peto de ánimas para a celebración de misas de sufraxios para facilitar a liberación do seu sufrimento e a ascensión ao ceo.
Esta base monolítica remata na parte superior cunha cornixa moldurada que o envolve arredor. Na plataforma superior que forma esta cornixa sitúase a rañura onde depositar as esmolas, que se abre pola parte posterior.
O retablo das ánimas
Está protexido por un portelo de reixa e realizado en madeira policromada. Mide 75 cm de alto e 66 cm de largo. Remata en arco de medio punto, así como a cornixa da decoración moldurada que arrodea o retablo.
A figuración do retablo está presidida na parte superior polas imaxes de Cristo crucificado, a súa Nai a Virxe María á dereita e san Francisco á esquerda.
![]() |
San Francisco cunha caveira na man |
Lembremos que san Francisco tamén a chamaba “irmá morte”. Unha imaxe do santo posterior a Trento que une a “irmandade” medieval de san Francisco con toda natureza que o arrodeaba con esta nova visión máis asceta e penitente do santo, e, polo tanto, máis próxima á misericordia e ao sufrimento da humanidade tras a morte.
Na parte inferior do retablo aparecen seis ánimas penando entre as chamas do purgatorio. Representan unha monxa e cinco frades. Normalmente aparecerían persoas que pertencen a distintos estamentos sociais, pero a súa proximidade a un convento, varios séculos anterior á realización deste peto de ánimas, puido condicionar que os personaxes penitentes pertenzan a ordes conventuales. Unha forma de indicar que todos somos iguais ante o pecado.
Outra información
![]() |
Fresco da basílica de Asis Suponse a representacción máis fiel do santo |
San Francisco está considerado un santo rescatador de almas do Purgatorio, en base a un relato de “Las Florecillas de S. Francisco”, obra anónima do s. XIV sobre a a vida do santo, onde Cristo lle afirma ao san Francisco: “Así como Eu o día da miña morte baixei ao limbo e saquei del todas as almas que atopei alí en virtude destas as miñas chagas, da mesma maneira concédoche que cada ano, o día da túa morte, vaias ao purgatorio e saques del, pola virtude das túas chagas, todas as almas que atopes alí (…) que fosen moi devotos teus, e as leves á gloria do paraíso, a fin de que sexas conforme a min na morte como o fuches na vida“.
O culto a sa Francisco é unha das novas advocacións potenciadas a partir do concilio de Trento, celebrado a mediados do século XVI.
Un dos dogmas do concilio de Trento era que “existe un purgatorio, e que as almas alí detidas son socorridas polos sufraxios dos fieis”.
![]() |
Concilio de Trento, por Tiziano, contemporáneo desta celebración |
Polo tanto, o concilio de Trento establecía que as misas polo descanso das almas dos defuntos eran a forma máis efectiva de redimilas do purgatorio.
As figuras santas e divinas que aparecen na parte superior do peto de ánimas (que representa o ceo) son as intermediarias ás que lles hai que pedir indulxencia para o sufraxio das ánimas penitentes dos nosos defuntos.
Depositar esmolas no peto de ánimas contribuía á celebración de misas que acelerasen o proceso de liberación das ánimas dos tormentos do purgatorio e acurtar a súa permanencia neste estado de sufrimento.
FONTES DE INFORMACIÓN