Patrimonio cultural e lingua

Fonte de san Román (Saxamonde)

Saxamonde, Redondela

Localización

(Ver en Google Maps)

Á dereita de onde nos encontramos neste treito do Camiño Portugués, está a igrexa de Saxamonde e, moi preto, unha fonte que conta cunhas especiais características que fan dela un referente cultural en Redondela: a fonte de San Román de Saxamonde, situada ao lado da igrexa parroquial.

O lugar en que se empraza esta fonte domina todo o val do río Maceiras e o Camiño de Portugués de Santiago que discorre polo seu interior, continuador no seu trazado da vía romana XIX construída no século II da nosa era. Neste val atopáronse dous miliarios: un deles do século II da nosa era, dedicado ao emperador Traxano Hadriano; outro de mediados do século IV da nosa era, dedicado ao emperador Decencio.

Vinculada coa fonte está a igrexa de San Román de Saxamonde, tamén situada nun emprazamento que domina todo o val do río Maceiras. O seu adro ten unhas vistas panorámicas de todo este val que paga a pena admirar. O concello de Redondela, pola súa orografía, forma un anfiteatro natural que permite gozar dunhas fantásticas vistas sobre a ría ou sobre este val do Maceiras. Hai outras tres igrexas que nos marabillan como miradoiros desde os seus adros: San Pedro de Cesantes (tamén próxima ao Camiño), San Martiño de Ventosela e a Virxe da Peneda do Viso.

Descrición

A fonte de san Román está construída en perpiaño de granito.

Diante da fonte ten un estanque ou pía onde recolle a auga da fonte.

A fonte está dentro dun recinto rodeado con muros de granito irregular.

Na parte inferior central apreciamos tres saídas de auga situadas á mesma altura. As dúas saídas exteriores están rematadas cunha peza redonda en pedra moldurada que sobresae da fachada da fonte. A saída central está exenta ou fáltalle peza redonda.

Sobre os tres canos da auga podemos ver un nicho protexido con enreixado de metal. O nicho está rematado en arco de medio punto decorado no interior con moldurado de cuncha de vieira. 

Dentro do nicho contén a figura de san Román, realizada en pedra. A vestimenta de monxe que presenta remítenos a san Román da Galia (actual Francia), que viviu no século V. Tras converterse ao cristianismo e vivir como eremita, comezou un labor de fundación de mosteiros. 

Tradición popular

Que sexan tres os billotes por onde sae a auga pode ten un valor simbólico relixioso referido á Trindade cristiá: Pai, fillo e Espírito Santo. A maiores, o máis interesante desta fonte é o seu emprego para un ritual animista vinculado á curación das criaturas. 

O animismo é a crenza relixiosa popular que lle atribúe a determinados elementos da natureza un poder sobrenatural, vinculado á curación, protección, fecundidade etc. A palabra animismo provén de ánima, como dotado de vida, neste caso vida sobrenatural. Aplícase ás augas (ríos, mar, fontes), rochas e montañas, árbores, lume e aire. Non hai concello de Galicia onde non exista algún tipo de lugar e ritual animista vencellado a algún destes elementos.

O ritual en particular que existe na fonte de san Román consiste en levar ata esta fonte unha criatura enferma, que non dá sandado con outros métodos, para buscar a propiciación das súas augas. Unha vez na fonte, íspese a criatura e lávase debaixo dos tres billotes por onde sae a auga. A continuación vístese a criatura con roupa limpa e a roupa usada, a que de forma simbólica trae a enfermidade, déixase depositada a carón da fonte.

Este ritual practícase en moitos outros lugares de Galicia, en fontes consideradas santas ou curadoras. Trátase de ritos animistas da natureza vinculadas, neste caso, á auga. Desde cando se veñen realizando estas prácticas? Non podemos aseguralo.  Constátase que, xa no século VI, o relixioso Martiño de Dumio escribiu un texto para demonizar as prácticas animistas que existían na súa época, entre as que estaban os rituais vinculados ás augas, completamente vivos aínda na actualidade. Quizais a construción de igrexas ao lado destes recantos animistas sexa un intento de cristianización destas prácticas, porque son innumerables os santuarios nos que, á vez que se realizan actos de estrita ortodoxia cristiá, os fregueses levan a cabo de forma simultánea os seus rituais animistas, en perfecta convivencia. 

Fontes, ríos, lagoas e mar son empregados, por toda a nosa xeografía, para practicar rituais propiciadores da curación ou da procreación; en definitiva, rituais propiciadores da vida.

Na parroquia de Cesantes, no monte Cabaleiro, temos un espazo de bosque denominado Eira da Moura, onde existe unha rocha labrada con forma de bañeira. As lendas recollidas ao seu redor fálannos de prácticas animistas vinculadas coa auga como elemento de curación neste lugar a través dunha figura feminina, a moura. Lembremos que as mouras son a memoria imaxinaria popular de deidades femininas da antigüidade anterior á chegada do cristianismo.  

En Redondela temos outro sitio relacionado coa auga no que se practican ritos vinculados coa fecundación: a praia de Cesantes. Neste areal, como en moitos outros de Galicia, na noite de San Xoán as mulleres acoden a recibir o baño das nove ondas no seu ventre para propiciar a súa fecundidade.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural