Patrimonio cultural e lingua

Fonte do Mouro

Redondela, Redondela

A parte inferior presenta un cadrado enmarcado noutra forma cuadrangular lisa que remata na súa parte superior con dúas volutas unidas cunha pequena forma en arco.

Entre as volutas figura a data 1932, que nos remonta á época da Segunda República.

No centro do cadrado enmarcado hai unha hexapétala da que sobresae un cano por onde verte a auga.

Sobre esta construción cuadrangular érguese o busto da figura dun mouro con cofia e típica espada moura en actitude combativa.

Non se coñece con exactitude a procedencia desta figura do mouro. Quizais puido pertencer a outra composición maior coa escenificación dun Santiago Matamouros. Non obstante, semella realizada sobre o seu propio soporte, como unha figura independente, o que tamén nos pode facer pensar que foi realizada a propósito para a fonte orixinal, que tamén descoñecemos se estaría datada en 1932.

COSTUMES

Esta fonte ten, aínda hoxe en día, sona de posuír augas con propiedades curadoras.

Ata ela descendían en grupo os leprosos que vivían no hospital que existía no monte do Cuco para se lavaren nas súas augas, seguramente polas propiedades curadoras que se lle atribúen.

A existencia de fontes con propiedades curadoras ou milagrosas tan abundantes en Galicia ao lado dunha capela dános a idea de cristianización de lugares con prácticas animistas precristiás vinculadas ás augas, aínda vivas hoxe en día en moitos lugares de Galicia.

O topónimo e denominación de “mouro” asociado á fonte pode tamén facer referencia aos mouros do imaxinario galaico, non como musulmáns, senón como seres fantásticos das nosas lendas e mitos.

Pola súa parte, a advocación de Santa Mariña, tamén moi abundante en Galicia, está moi vinculada á cristianización de deidades precristiás femininas tamén asociadas, en moitos lugares, a prácticas animistas nas augas: as mouras.

Pensemos que a capela, ata mediados do século XX estaba ao carón da enorme marisma que leva o seu nome, agora soterrada, e que as augas chegaban ata as portas da capela, como pode observarse na seguinte imaxe antiga.

A asociación de Santa Mariña, moura, coa fonte do Mouro, de augas santas e milagrosas polas propiedades curadoras que lle atribúe a tradición, poden facernos pensar que todo fai referencia ao mesmo ser: unha deidade precristiá que rexía un ritual curador vinculado ás augas da fonte que hai neste lugar ao pé das marismas.

(imaxe interactiva)

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural