Patrimonio cultural e lingua

Igrexa de Santiago de Redondela

Redondela, Redondela


Redondela forma parte do Camiño portugués de Santiago, de aí a advocación ao nome da parroquia da vila: Santiago de Redondela.

Durante a Idade Media, Redondela foi un burgo amurallado que tivo relevancia no contexto histórico daquela época e hai evidencias de que contou neste lugar cunha igrexa románica. O incremento da poboación dentro da vila fixo necesaria a ampliación do templo coa edificación do actual templo gótico, de finais do século XV. Ao longo dos século foron incorporándose modificacións e novos engadidos, como a monumental torre barroca do campanario.
Comezaremos o noso percorrido por esta igrexa, situándonos na súa cabeceira, par acontinuar todo ao arredor e, posteriormente, pasar a ver en detalle todo o interior do templo.

Ábsida

A ábsida é pentagonal, con catro contrafortes que sosteñen a altura dos muros. 

Só ten unha xanela no lado sureste, con arco románico de medio punto. O resto das paredes da ábsida son cegas. Aínda así destaca a altura dos muros e dos contrafortes desta ábsida, os cales foron engadidos en 1641 para soportar calquera perigo de derrubamento dos muros.

Na parte superior dun dos contrafortes centrais existe un perpiaño cunha inscrición na que pode lerse: “ET ILLO ANNO LEVAVIT SE REGNVM PORTVGALLIAE”, que podería transcribirse como: “E NESE ANO LEVANTOUSE O REINO DE PORTUGAL”. 


Fachada

Presenta unha portada gótica apuntada de catro arquivoltas, unha delas por debaixo do tímpano da porta. Esta porta ten un arco de medio punto rebaixado, o que marca un contraste co arco apuntado da portada. 

O tímpano é liso sen ningunha decoración.

Tamén ten un rosetón sobre a porta con catro molduras concéntricas, de grandes proporcións, comparadas co cristal de decoración radial que presenta no centro.

Testeiro da fachada

No testeiro da fachada aparece representada a figura de Santiago Matamouros.

Nela podemos contemplar o apóstolo Santiago sobre o seu cabalo coas patas dianteiras alzadas en actitude vitoriosa. O cabaleiro cristián vai vestido con toda a súa armadura e unha lanza na súa man dereita, suxeitando o cabalo polas rendas.

Aos seus pés, os inimigos non están en actitude combativa, senón que máis ben semellan fuxir da acometida do santo ou figuran en actitude de rendición axeonllados no chan.

Toda a composición está impregnada dun forte dinamismo, na que a figura do cabalo é o principal protagonista da escena, coas patas dianteiras elevadas.

Campanario

É un engadido barroco de 1712. Destacan nel as balaustradas que se superpoñen unha sobre a outra no alto da torre. Nas esquinas da balaustrada inferior podemos fixarnos nas figuras de cabezas que adornan o conxunto. En xeral, é un campanario con abondosa decoración: os dous tramos van con columnas embebidas nas esquinas, rematadas en capiteis estriados. Os arcos que envolven as campás, rematados en medio punto, con adorno superior, tamén están resaltados con respecto á propia parede do campanario.

No extremo dereito da balaustrada inferior ten un reloxo da segunda metade do s. XIX. A antiga maquinaria deste reloxo foi gardada para incorporala a un futuro museo.


Interior

Consta dunha soa nave dividida en cinco tramos. Os arcos entre as columnas son apuntados. A cuberta de bóvedas de arestas entre as columnas.

Imos realizar un itinerario entrando pola porta dereita da igrexa e continuando de forma circular polo seu interior, paso a paso.

Ao pasarmos ao interior o primeiro que atoparemos á nosa dereita é unha fermosa e expresiva escultura policromada que representa a Virxe das Angustias.


Retablo do Bautismo de Xesús

A continuación, seguindo a nosa visita por este lado sur da igrexa (o lado da epístola) atopamos un retablo policromado rematado en arco de medio punto con pináculos laterais. O policromado combina os vermellos e verdes cos dourados

Na parte central do retablo destaca unha pintura coa representación do bautismo de Xesús no río Xordán. A escena está presidida no alto pola figura do Espírito Santo en forma de pomba. A presenza de san Xoán nesta igrexa volve repetirse no altar que hai no lado oposto a este na igrexa.

A ambos os lados da pintura temos cadanseu nicho coa representación da Virxe Fátima á esquerda e a Inmaculada á dereita.


Capela da Inmaculada

Atravesando o arco pétreo que sostén o coro da igrexa atopamos a primeira das cinco capelas que compoñen o conxunto interior.

Do século XVI é a capela da Inmaculada, situada no terceiro tramo da igrexa, neste lado da epístola. 

Capela da Inmaculada

A capela presenta un arco apuntado e bóveda de aresta, resultante da intersección de dúas bóvedas de canón, que se cruzan de xeito perpendicular. 

O retablo é de estilo plateresco. O estilo plateresco desenvolveuse durante o século XVI a partir de influencias italianas. Mantén elementos do gótico (fixémonos na elevación apuntada da parte superior do retablo) e as súas formas tenden a destacar o nicho principal.

No plateresco tamén toman protagonismo as pilastras, as formas enroladas  e a decoración con anxelotes e vieiras (neste caso formando parte do escudo de Redondela, na parte superior)


Capela das Ánimas 

A seguinte capela no lado da epístola (lado sur), no segundo tramo da igrexa.

Foi erixida no século XVIII (1714).

A capela conta cun arco de medio punto e bóveda semiesférica con lanterna central no cumio.

O nome de Capela das Ánimas vénlle do retablo, xa que presenta unha escena propia dos petos de ánimas, coas almas penando entre as chamas do purgatorio.

Sobre elas están as figuras da Virxe e de Xesús crucificado, venerado como Cristo dos Navegantes, unha fermosa e expresiva talla dó século XVIII.



Capela de San Sebastián 

A seguinte capela da nosa visita é que que está situada no primeiro tramo  do lado da epístola, lado sur.

Foi erixida no século XVI e presenta un arco apuntado e unha fermosa e elaborada bóveda de crucería, cun medallón central e outros oito medallóns nos cruzamentos das arestas terceletes. Contén, ademais, arestas circulares unindo as claves (medallón central e secundarios).


Retablo de San Sebastián

O altar está presidido pola figura de san Sebastián no centro e a Virxe do carme e dos Dolores a ambos os lados.

Detalle da parte superior do retablo


Ao fondo da capela conserva un sartego de estilo xa renacentista coa efixie xacente dun relixioso, acompañado dun escudo nobiliario de Vasco Machado, abade. 

Nos cuarteis superior esquerdo e inferior dereito repite a figura de cinco machadas postas en forma de aspa, que simbolizan a forza contra o inimigo.

No cuartel inferior esquerdo representa unha árbore coas raíces á vista, símbolo de liñaxes que se caracterizan pola súa antigüidade e nobreza, sobreviventes grazas ao seu propio esforzo, sen favores de ningunha outra axuda.








Cabeceira

Cabeceira da igrexa

O seguinte punto da nosa visita ao redor do interior da igrexa detense na cabeceira. No teito podemos observar a forma poligonal con nervadura oxival complexa desde sete puntos de arranque que rematan na clave central da bóveda (florón central). Conta ademais con nervios terceletes (tríos de nervios) que rematan en seis claves secundarias. O arco triunfal é apuntado coma o resto dos arcos da igrexa.

O retablo 

Retablo maior

É de factura moderna, dos anos cincuenta do século XX. Está realizado en estilo gótico, e conforma a figura dun tríptico adaptado ás tres paredes da ábsida.

A figura principal que preside a parte superior é a de Santiago Apóstolo, patrón da parroquia.

Por debaixo da súa imaxe aparecen cinco figuras: dous nichos de maior tamaño onde se aloxan as figuras do Sagrado Corazón e a Virxe María, respectivamente; e dous nichos máis pequenos nos que están dúas imaxes carmelitas: santa Teresa de Ávila, á esquerda, foi unha monxa carmelita española (1515-1582), fundadora da Orde das Carmelitas Descalzas e doutora da Igrexa Católica. Foi unha mística e escritora, coñecida pola súa profunda vida de oración, os seus escritos espirituais e a súa reforma da orde carmelita. Aparece representada normalmente con hábito carmelita, pluma na man dereita e libro na esquerda, en alusión aos seus escritos, que a fixeron a primeira doutora da Igrexa.

Santa Tareixa do Neno Xesús, á dereita, monxa carmelita descalza francesa (1837-1873), unha das santas populares máis veneradas na actualidade. A súa festividade celébrase o 1 de outubro. A imaxe amosa algúns dós símbolos que a identifican: o hábito carmelita, o crucifixo e as rosas que sostén no peito.

Capela de San Bieito 

É a primeira que atopamos do lado do evanxeo, lado norte.

Foi erixida no século XVI e presenta un arco apuntado e bóveda de crucería con medallóns no centro e nos cruzamentos das arestas terceletes.

No seu interior contén un fermoso altar de estilo clásico con columnas que dividen tres peañas e rematado cunha cornixa decorada da que arrinca un arco de medio punto con varias figuras.





Capela do Nazareno

A seguinte capela no noso percorrido interior, no lado do evanxeo (lado norte), é a do Nazareno.

Foi erixida no século XVIII (1714), contemporánea, polo tanto, da capela das Ánimas, situada xusto en fronte.

A capela conta tamén cun arco de medio punto e bóveda semiesférica con lanterna central no cumio.

O retablo está formado por catro columnas que encerran tres nichos nos que figuran dúas imaxes do Nazareno en diferentes momentos da Paixón.




Altar de San Xoán

Case no remate da nosa visita, encontramos o altar de San Xoán. Se nos fixamos, observaremos que presenta un estilo e uns elementos decorativos moi semellantes ao retablo da Inmaculada, situado en fronte.

Destaca a figura de San Xoán no nicho central, franqueado a ambos os lados pola Virxe do Carme e un San Xosé co neno no colo.

Sobre a figura central salienta un San Miguel Arcanxo vencendo e pisando a figura do demo.

Pía bautismal

A continuación do altar de San Xoán, e volvendo a pasar baixo o arco do coro, rematamos a visita dirixindo a nosa atención a esta antiga pía bautismal que se conserva na igrexa. De feitura labrada e fermosa, está está situada baixo un espazo abovedado. 

Sancristía

Tamén do ano 1714 é a construción da sancristía -segundo consta gravada na súa bóveda-, que mesmamente exerce, en certa maneira, a función dun contraforte para soster o muro do edificio.


Casa parroquial

Fronte á igrexa está a casa parroquial. Unha construción que non pasa desapercibida pola súa beleza, tanto na feitura coma na textura da pedra. É unha reedificación sobre outra anterior que queimaran os franceses cando asaltaron Redondela en 1809.

Na fachada figura un escudo heráldico da casa dos Prego de Montaos. Recoñécese claramente polo castelo de tres torres sobre ponte, neste caso tamén se aprecia o detalle das ondas da auga baixo a ponte.

Figura unha data claramente na parte superior esquerda: 1641. Este escudo pertenceu entón ao antigo edificio queimado polo ataque francés á vila.


Fontes de información:

Anecdotario Redondelán

Seminario de Estudos Redondeláns, nº 5

Turismo Rías Baixas

Vigo en Fotos

Vive el Camino

Dicción Arte

(imaxe interactiva)


Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural