Localización
Esta igrexa está apartada dos núcleos poboacionais da parroquia, aínda que nas súas proximidades. O Centro Cultural de Vilar está situado a 180 metros de distancia, o Camiño Portugués de Santiago está a 350 metros, que coincide coa estrada que comunica Os Valos con Peinador.
Está emprazada nun espazo chan nun terreo cunha suave pendente descendente cara ao poñente.
O adro está pechado por un muro baixo de cachotería de xisto e granito, e conta con cipreses e carballos no seu interior.
Ao adro éntrase por dous accesos, un ao norte desde o torreiro, franqueado por dous piares con remates ornamentados, e outro ao poñente mediante escaleiras para salvar o desnivel.
Unha curiosidade que presentan estas escaleiras é que cada un dos chanzos é unha lápida sepulcral, de cando a xente se enterraba baixo terra. A maioría delas conserva as inscricións referidas ao datos da persoa que estaba enterrada debaixo de cada unha.
Descrición
Igrexa de planta rectangular dunha única nave. A cabeceira non se diferencia nin por forma nin por volume do resto da planta do templo. Presenta dous corpos menores acaroados a fachada norte e sur.
Os muros aparecen recebados e pintados de branco, excepto nas esquinas, nos recercados dos ocos e na imposta que sostén o arco, que están realizados en perpiaños de granito.
A cuberta é de tella a dúas augas.
Apegada á fachada norte atopamos unha tumba ornamentada, de 1879, dedicada ao abade Ángel Pinto. Presenta unha forma como pequeno retablo con base decorada con rombos, tanto na zona central como nas as dúas bases laterais de arranque das columnas acanaladas con remate en capiteis xónicos. No panel central figura o nome do abade enterrado e a data. Sobre o nome aparece unha decoración formada por un cáliz enmarcado nun arco. A parte superior deste panel central ornaméntase cunha decoración dentada sobre a que sobresae unha cornixa encima da que se eleva o remate superior formado por outra cornixa moldeada e un remate en frontón con volutas laterais.
Fachada occidental
Está construída en canteira de granito con porta de acceso en arco de medio punto. Sobre a porta aparece un nicho sen imaxe.
A fachada remata en espadana dobre con campás e coroada por catro pináculos. Ao campanario accédese mediante escaleiras de formigón acaroadas á fachada norte.
Debaixo do campanario lese a seguinte inscrición:
“ESTA OBRA SE IZO DE 1783 S. ABAD E. GARCIA”.
Xunto á porta principal aparece outra data: “1720”.
Cemiterio
Pechando o adro polo sur dispúxose o cemiterio, que na súa orixe era de planta cadrada con enterramentos en nichos en altura construídos ao longo do perímetro do muro de peche. Conta con ampliacións cara ao sur e oeste.
Referencias
Ficha do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela.
Migueles Fernández, Juan: “Igrexas“, en Anecdotario Redondelán (páxina web), 2020.