Localización

A mámoa das Teixugueiras está situada na contorna da Poza da Lagoa, a uns cincuenta metros á beira dereita do camiño en dirección ao miradoiro que hai neste lugar.
O seu nome está relacionado cun lugar onde hai teixugos ou teixos, un mamífero da familia dos mustélidos, á que tamén pertencen os visóns, os armiños ou as londras.
Esta mámoa forma un conxunto coa propia área recreativa da Poza da Lagoa, que foi entre o Neolítico e a Idade do Bronce un asentamento humano, no que se localizaron numerosos restos arqueolóxicos de útiles domésticos daquela época.
A mámoa das Teixugueiras tamén hai que contextualizala cos gravados rupestres que se atopan nas proximidades da área recreativa. Estes gravados presentan unha rica variedade de elementos representados. cruciformes, círculos, coviñas e, sobre todo, armas representativas da Idade do Bronce, que aparecen repartidas en varias rochas.

Descrición
O diámetro da mámoa das Teixugueiras é de 12 metros, e a altura do túmulo sobresae ata os 90 cm sobre a superficie do terreo.
Presenta o clásico cono central de espoliación duns 3 m de diámetro e unha profundidade de 40 cm. No seu interior podemos percibir dous posibles ortóstatos pertencentes á estrutura interna da cámara de enterramento .
Unha das lousas ten unhas dimensións de 50 cm de ancho e 20 cm de altura e 8 cm de grosor. A outra lousa ten 20 cm de ancho e sobresae do chan 10 cm de altura, con 8 cm de grosor.
Se observamos con atención o túmulo, podemos atopar algunhas pedras pequenas que formarían parte da coiraza de soporte da terra da mámoa.

Estado de conservación
O máis importante tocante á súa conservación actual é impedir que medren arbustos e árbores sobre o túmulo, xa que as raíces son un dos principais perigos para a preservación da terra que recobre a estrutura pétrea que conformaba a tumba na que se depositaban as persoas mortas na prehistoria.
Sería moi importante que se rodease con madeira para impedir o paso e evitar pisar o túmulo e se dispuxese un cartel informativo sobre as súas características.