Patrimonio cultural e lingua

Mámoa de Castro Ferreiro 1 (GA36045064)

Vixiador (monte Mirallo)

Localización

Imaxe: Ruta dos túmulos de Monte Mirallo

(Ver en Google Maps)

Para chegar ata onde se sitúa temos que separarnos uns metros do camiño e dirixirnos á parte máis alta do outeiro, alí é onde emprazaron esta mámoa hai máis de seis mil anos.

Son poucas as mámoas desta zona que están situadas nos cumios de outeiros ou elevacións preponderantes do terreo, con gran dominio do territorio ao seu arredor: a espectacular mámoa do Vixiador, na contorna desta mesma área de lecer; a mámoa do Coto da Arca, en Cabeiro; ou a mámoa da Pedra dos Loureiros ou das Verrugas, na parroquia de Cabeiro.

Descrición

Podemos considerar esta mámoa como unha das de grandes dimensións existentes en Monte Mirallo. Ten un diámetro de 21 m e unha altura de 1,25 m.

Repartidos pola parte superior do túmulo descubriremos varios fragmentos de granito, que presentan diferentes tamaños, que non podemos asegurar se forman parte da coiraza de soporte da terra do túmulo ou se son parte dos ortóstatos que conforman a cámara funeraria da mámoa.

Presenta o habitual cono de espoliación, que ten unhas dimensións de 6,5 m de diámetro e 50 cm de profundidade. Cara ao nacente do sol podemos observar unha depresión alongada, que puido formar parte do primitivo corredor de entrada na mámoa. Lembremos que a maioría das mámoas tiñan a súa entrada orientada ao leste (aos equinoccios) ou ao sueste (ao solsticio de inverno). Esta é unha orientación astronómica recorrente nestas construcións mortuorias do Neolítico para as que aínda non temos unha explicación definitiva en canto ao seu posible significado.

Imaxe: Ruta dos túmulos de Monte Mirallo

Estado de conservación

As principais agresións que presenta na actualidade son ás raíces das árbores que medran sobre o túmulo, que co tempo van deteriorando a súa forma e alterando a terra que recobre a mámoa. Outra das agresións que sofre esta mámoa é o paso sobre ela dun sendeiro aberto de 70 cm de ancho.

É moi necesario e imprescindible solucionar estas dúas agresións que está sufrindo neste momento un dos máis grandes exemplares de túmulos neolíticos que temos en Redondela.

Imaxe: Ruta dos túmulos de Monte Mirallo

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural