Patrimonio cultural e lingua

Mámoa de Castro Ferreiro 2 (GA36045085)

Vixiador (monte Mirallo)

Localización

(Ver en Google Maps)

A mámoa de Castro Ferreiro 2 está situada a 300 metros cara ao norte da mámoa de Castro Ferreiro 1. Dirixíndonos nesa dirección polo sendeiro que atravesa ao carón de Castro Ferreiro 1, podemos atopala entre as dúas liñas de alta tensión. Localizarémola na beira esquerda do sendeiro, a uns vinte metros.

Estamos no límite co concello de Vigo e preto do parque forestal do Vixiador. Estas mámoas que están próximas ao Vixiador forman unha continuidade coa ruta das mámoas de Candeán, parroquia de Vigo limítrofe con Redondela.

Descrición

Estamos ante a que quizais é a mámoa de maiores dimensións de Monte Mirallo.

Ten un diámetro de 29 metros no eixe leste-oeste e 27 metros no eixe norte-sur. A altura do túmulo acada os 2,5 metros.

O feito de ser unha mámoa tan apartada dos lugares máis transitados permitiu que chegase ata nós cunha masa tumular das máis voluminosas e conservadas do conxunto de mámoas desta montaña. Os traballos forestais que se realizaron ao redor e sobre as mámoas foron provocando a perda paulatina de terra da coiraza que recobre as mámoas.

Na parte central presenta o habitual cono de espoliación, que mide uns 8 metros de diámetro e 1,20 de profundidade.

No seu interior non se observa a existencia de ningún ortóstato dos que formarían parte da cámara da mámoa.

Estado de conservación

O principal inimigo que ten neste momento esta mámoa son as árbores invasoras que medran sobre toda a superficie do túmulo. As raíces son especialmente agresivas, xa que deforman a masa tumular e invaden todo o seu interior.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural