Patrimonio cultural e lingua

Mámoa de Santiaguiño de Antas GA36033002

Vilar de Infesta, Redondela

 

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta inmensa mámoa está situada no lugar denominado O Cotarelo ou O Coturro, entre os campos de fútbol de Guizán (Mos) e Vilar (Redondela). Moi preto tamén hai unha propiedade con vivenda e está próxima á estrada que atravesa a parroquia de Vilar desde o alto dos Valos.

As palabras Cotarelo e Coturro derivan da voz “coto”, que significa ‘parte máis alta dunha elevación con forma cónica’.

A palabra “anta”, tamén presente na denominación desta mámoa, significa ‘pedra grande chantada no chan’, e fai referencia ás lousas que forman o dolmen, a cámara funeraria de pedra, que existía no interior da mámoa.

Esta mámoa forma un conxunto de catro exemplares xunto coa mámoa de Chan das Pipas, a mámoa dos Valos 1 e a mámoa dos Valos 2. Se existiron máis nesta chaira, tanto a construción dos campos de fútbol como das naves industriais se encargaron de arrasalas e facelas desaparecer.

Descrición

Ese túmulo é un dos máis grandes do concello de Redondela, en volume e diámetro. Tamén é o túmulo de maior altura. Mide 28 m de diámetro e chega ata os 3 m de altura.

No concello de Redondela conservamos unhas 49 mámoas, a maioría delas concentradas en Monte Mirallo. Nestas proximidades do Camiño de Santiago existen catro mámoas, tres delas pertencentes a Redondela e unha ao concello de Mos.

Esta mámoa de Santiaguiño de Antas conserva aínda unha gran parte da masa tumular de terra que cubría os chantos de pedra que formaban a cámara funeraria do seu interior. Deste chantos xa non conservamos ningún na actualidade. Case todas as mámoas foron espoliadas ao longo dos últimos séculos na busca de tesouros no seu interior e as lousas foron levadas para reaproveitar en cerramentos de propiedades.

O túmulo está atravesado de leste a oeste por un carreiro creado polas motos de montaña que o atravesan con total liberdade e sen ningún impedimento protector. Este carreiro vaise facendo cada vez máis fondo co paso das motos que provocan unha grave agresión nesta terra que forma a mámoa.

Esta terra ten unha característica especial: non é terra común do propio lugar en que se atopa o monumento, senón que requiriu dun proceso especial de elaboración e tratamento antes de ser depositada sobre o dolmen de pedra. Non ten a mesma coloración nin textura ca a terra normal do lugar. Está moito máis esfarelada ou puída ata darlle unha textura moi fina e presenta unha cor diferente. Desde onde foi traída ou como foi tratada a terra que forma os túmulos das nosas mámoas non se sabe con seguridade.

Pedras da coiraza

O que este agresivo carreiro deixa entrever tamén son as pedras pequenas que forman a denominada “coiraza” da mámoa. As mámoas de terra necesitan levar intercaladas no seu interior capas de pedras pequenas para actuaren como sostén da terra para evitar que as chuvias poidan arrasalas co tempo. Mesmo se ten comprobado nalgunhas escavacións arqueolóxicas que os túmulos estarían recubertos polo seu exterior cunha capa final de pedras pequenas.

Estado de conservación

Despois de máis de seis mil anos existencia, non se entende como na actualidade este formidable monumento funerario neolítico non conta coa adecuada protección para evitar a súa paulatina deterioración e continuas agresións.

A mámoa marca o lindeiro entre os concellos de Redondela e Mos. O esperable é que os dous concellos se poñan de acordo para a súa protección, conservación e posta en valor cultural.

O túmulo necesita unha protección ao seu arredor para que as agresivas motos de montaña deixen de subir e baixar impunemente pola mámoa, arrasando a terra e as pedras da coiraza. Este tipo de protección xa se levou a cabo tamén nos gravados rupestres de Chan da Cruz, en Monte Mirallo, con máis de catro mil anos de antigüidade, sobre os que circulaban habitualmente bicicletas e motos de montaña.

A maiores, como se observa na imaxe, unha parte da mámoa foi eliminada pola construción do muro perimetral do campo de fútbol de Guizán (Mos). Curiosamente o pleno da corporación municipal de todos os partidos políticos representados no Concello de Mos en 2016 declarou “de interese social” este campo de fútbol. Este campo de fútbol foi construído pola Comunidade de Montes de Santa María de Guizán. As comunidades de montes, en moitas ocasións, descoñecen o patrimonio cultural intocable que existen nos seus dominios e cometen agresións irreparables coma esta que atangue a este monumento funerario de máis de seis mil anos de antigüidade. 

A Administración local é a máxima responsable de velar pola conservación e protección de todo o patrimonio arqueolóxico que existe no seu territorio municipal. Non pode permitir ningún tipo de obra ou construción que poida afectar de calquera maneira a conservación dun patrimonio histórico. E neste caso trátase do patrimonio histórico máis antigo que existe no concello.

Máis información

Galería de imaxes

Galipedia: Dolmen

Galipedia: Mámoa

Alberte Reboreda, “As Antas de Maniola“, en Faro de Vigo, suplemento Faro da Cultura, 13.04.2017

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural