Localización
Baixo a denominación de mámoa dos Valos ou mámoa do Monte Fermoso, pertence á parroquia de Louredo (concello de Mos). Está situada no límite co concello de Redondela e moi próxima a outra denominada mámoa dos Valos 2, xa no concello de Redondela, que está situada a 65 metros en dirección noroeste.
Ambas as dúas mámoas están situadas a cadanseu lado da estrada que comunica o alto dos Valos con Peinador. A mámoa dos Valos 1 localízase apenas a dez metros da estrada e vese perfectamente o seu promontorio tumular que a identifica.
Descrición
O diámetro é de 18,5 metros e a altura do túmulo é de 1 metro.
Non contén ningún chanto de pedra no seu interior. Pode observarse o cono de espoliación resultante de abrir a mámoa pola parte superior e quitar todas as lousas que formaban a cámara mortuoria.
Sobre o túmulo de terra que cubría a cámara do dolmen medran algunhas árbores e arbustos que sería necesario eliminar para que non deformen a mámoa coas súas raíces e que non sufra ningunha agresión nos traballos forestais que se realicen.
Esta mámoa forma un conxunto de catro exemplares xunto coa mámoa de Santiaguiño de Antas, a mámoa dos Valos 1 e a mámoa dos Valos 2. Se existiron máis nesta chaira, tanto a construción dos campos de fútbol como das naves industriais se encargaron de arrasalas e facelas desaparecer.