Localización
Esta mámoa está situada no lindeiro entre os concellos de Redondela e Mos, dentro da parroquia redondelá de Saxamonde.
Vinculada con este túmulo está a mámoa dos Valos 1, situada a 65 metros en dirección sueste, xa pertencente ao concello de Mos, na parroquia de Louredo.
A estrada que comunica o alto dos Valos co núcleo da parroquia de Vilar pasa entre as dúas mámoas.
Descrición
No túmulo que se conserva na actualidade hai unha diferenza de dous metros no diámetro entre o eixo norte-sur, que ten 21 metros, e o eixo leste-oeste, que ten 23 metros.
A altura é de 1,15 metros.
Non contén ningún chanto de pedra no seu interior. Na parte superior da mámoa pode observarse o cono de espoliación característico de moitos destes túmulos, que se produciu ao sacar todos os chantos que contiña no seu interior.
Sobre o túmulo medran varias árbores que é moi importante que se eliminen para evitar a deterioración da mámoa. As raíces das árbores constitúen unha importante agresión para estes monumentos neolíticos.
Esta mámoa forma un conxunto de catro exemplares xunto coa mámoa de Santiaguiño de Antas, a mámoa dos Valos 1 e a mámoa de Chan das Pipas. Se existiron máis nesta chaira, tanto a construción dos campos de fútbol como das naves industriais se encargaron de arrasalas e facelas desaparecer.
Galería de imaxes
Nesta ligazón podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa desta mámoa.