Patrimonio cultural e lingua

Mámoa GA36045036 (Trasmañó)

Trasmañó, Redondela

Localización

Esta mámoa pertence á Ruta 2 da mámoas de Monte Penide.

Está situada a uns 50 m da pista de terra que discorre pola orientación leste.

Localízase doadamente, a pesar da maleza que a recobre, polo gran chanto solto que hai á súa beira no chan.

Ao seu arredor atópanse catro mámoas deste percorrido, case equidistantes entre si. A uns 25 metros ao leste da mámoa GA36045037; a uns 30 metros ao sur da mámoa GA36045034; a 25 metros ao oeste da mámoa GA36045035 e a 30 metros ao norte da mámoa GA36045043.

Descrición

A dimensión diametral desta mámoa é de 25 metros. Estamos polo tanto ante unha das mámoas de gran tamaño diametral de monte Penide.

A altura do túmulo chega a 1,60 m no lado norte.

Presenta algunha alteracións importantes debido as espoliacións que sufriu. Aprécianse dous furados: un no centro, de considerábel dimensión, e outro no lado leste.

Precisamente neste mesmo lado chantaron no medio do túmulo un gran marco divisorio de parroquias (Trasmañó Negros) que non se entende que estea xustamente sobre a mámoa en lugar de telo situado fóra dela, en calquera outro lugar.

No interior da mámoa non se aprecia a existencia xa de ningún ortóstato.

Estado de conservación

A pesar do deteriorada que se atopa, aínda conserva polo lado norte unha apreciábel masa tumular que evidencia o gran tamaño do seu túmulo.

O peor para a súa conservación por máis anos é a cantidade de piñeiros que se plantaron recentemente sobre a superficie do túmulo.

As raíces destes piñeiros, cando medren, van constituír un serio perigo para a delicada consistencia do túmulo, conservada ata actualidade despois de máis de cinco mil anos.

Por outra parte, canto máis se deixen medrar estes piñeiros máis difícil será a súa corta sen danar a mámoa debido á utilización das ferramentas necesarias, as persoas que a esmagarán continuamente durante estes labores e a maquinaria pesada que haberá que empregar para mover as árbores.

Valoración final

É unha mágoa a agresión ocasionada polo enorme marco divisorio que lle chantaron encima. Por outra parte, ao pertencer a dúas parroquias distintas, podemos observar incongruencias tales como a diferente actividade que realiza cada comunidade de montes sobre ela.

Obsérvase curiosamente como os piñeiros e maleza da zona correspondente á parroquia de Negros foron cortados,  e en cambio os piñeiros e maleza correspondentes á comunidade de montes de Trasmañó continúan sobre o túmulo.

A implicación das comunidades de montes na conservación de todo este patrimonio é fundamental; sen ese compromiso non hai futuro posíbel para este grandioso campo de enterramento neolítico, dos mellores de Galiza, que conservamos no concello de Redondela.

O emprego de maquinaria pesada para os labores forestais. A produción intensiva e extensiva de árbores plantadas segundo miras exclusivas de produción madeireira, sen un mínimo de atención á conservación do patrimonio existente ao seu arredor está levando á súa paulatina desaparición.

Baste sinalar que nun inventario do ano 1978 aparecen 58 mámoas localizadas nesta montaña; trinta e dous anos máis tarde quedan 37 túmulos. Podemos constatar como nos últimos anos de democracia, cando máis leis de protección e sensibilidade existen, lévase destruído máis patrimonio ca nos cinco mil anos anteriores.

Máis información

Galería de imaxes

Ficha do catálogo do PXOM de Redondela

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural