Patrimonio cultural e lingua

Mámoa GA36045054 (Cabeiro)

Cabeiro, Redondela

 

Localización

Pertence ao itinerario da Ruta 1 das mámoas de Monte Penide proposta nesta web.

Pódese localizar entre as dúas liñas de alta tensión, moi preto da estrada. Está situada entre piñeiros e unha densa vexetación que impiden completamente a súa visibilidade. A pouca altura do túmulo tamén dificultan a súa inmediata localización.

(Ver en Google Maps)

Descrición

As medidas son de 13,75 x 11,25 metros nos seus diámetros. A altura do túmulo é de aproximadamente 1 metro.

No centro da mámoa hai un cono de espoliación no que sobresae un ortóstato 25 cm sobre o nivel da terra e ten un ancho de 60 cm. Non se aprecian as demais pedras do dolmen.

Sobre a mámoa hai plantados varios piñeiros, un deles de grandes proporcións mesmo a carón da depresión central. O resto do tú,mulo está cuberto dunha densa vexetación.

Estado de conservación

A pesar de encontrarse nun lugar bastante accesíbel, dar con ela non é doado debido ás condicións que acabamos de expoñer.

Os piñeiros que hai sobre o túmulo son o problema máis grave que presenta, xa que a medida que van medrando, a agresión que provocan é maior.

Cortar estes piñeiros leva de seu consigo un traballo forestal bastante agresivo contra a mámoa debido ás grandes dimensións que teñen na actualidade; mais o peor aínda é a raíz que queda dentro do túmulo, que xa non se pode extraer sen danar gravemente a masa de terra que lle dá forma.

Valoración final

Hai un traballo inmediato de intervención das distintas entidades implicadas na conservación deste conxunto patrimonial de primeira categoría en Galicia.

Tanto a corporación municipal coma a Comunidade de Montes de Cabeiro teñen unha importante responsabilidade no coidado e atención que estas construcións milenarias precisan.

Algo que foi construído polos nosos devanceiros hai máis de cinco mil anos, e que son ademais as primeiras construciósn humanas que existen en Galicia, non pode ser destruído en apenas unha xeración na actualidade; sobre todo en momentos nos que, en teoría, debería existir un control democrático e responsábel do noso patrimonio.

Esta é a concienciación na que deben traballar todas as entidades implicadas. De non ser así, poucos anos de vida lle podemos dar a este legado arqueolóxico inmemorial.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural