Desde este miradoiro do Outeiro temos unha fermosa perspectiva da enseada de San Simón e o nacemento da ría de Vigo.
No medio da enseada vemos dúas pequenas illas denominadas As Arbedosas. A súa denominación deriva do nome dunha árbore: o érbedo ou albedro.
Debaixo da nosa posición está o barrio de Soutoxuste (Redondela) e a continuación, para a dereita xa entramos no concello de Soutomaior.
O Puntal é o promontorio, xa pertencente case todo el a Soutomaior, que se interna na ría. Á súa dereita está a poboación de Arcade, o lugar máis habitado do concello.
O seguinte lugar habitado seguindo a costa é Paredes, xa no concello de Vilaboa. O núcleo do concello de Vilaboa aparece mencionado a continuación. Os montes que podemos ver ao outro lado da enseada forman parte da denominada península do Morrazo, á que pertencen os concellos de Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu e Marín.
Outro promontorio que se atopa á beira do mar no outro lado da enseada é o monte do Cabalo, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, outro dos fermosos miradoiros sobre a enseada e o nacemento da ría.
Máis arriba, o monte que domina a panorámica e no que se pode adiviñar unha edificación destacable, que é unha torre de vixilancia dos montes, chámase Coto Redondo, un dos miradoiros máis espectaculares da enseada de San Simón.