Patrimonio cultural e lingua

Muralla da vila

Redondela, Redondela

Primeiro tramo da muralla

Consérvanse, nun primeiro tramo, estes cincuenta metros de parapeto que nos dan unha idea de como puido ser a antiga muralla.

Non está claro que todo este lenzo sexa muralla orixinal, xa que se supón que puido haber posteriores derrubamentos e reconstrucións.

Podemos apreciar dúas diferentes alturas superpostas no muro, seguramente para darlle máis consistencia ante posibles derrubas.

No extremo inferior da muralla podemos decatarnos da superposición dos edificios sobre a muralla; como, a medida que esta se ía derrubando, foi ocupada por novas edificacións.

Segundo tramo da muralla

Se lle damos a volta ao muro da igrexa pola súa parte superior veremos a continuación do que foi a muralla da vila. Conserva pedras de todo tipo, desde perpiaños regulares ata pedras moi irregulares, mesmo cun anaco de gran rocha sobre a que se asentaba a muralla.


Que non se conservase a muralla completa de Redondela foi debido, principalmente, á presión urbana, por verse limitada e constrinxida intramuros. Decatémonos de cantos edificios foron construídos no lugar que ocupaba antes todo o perímetro das murallas.

Por outra parte, tamén podemos observar que a calidade dos parapetos tampouco era tan relevante, desde o punto de vista arquitectónico, como para motivar a súa conservación. Era un bastión defensivo, pero débil, con muros pouco grosos e montados cunha calidade precaria, que mesmo provocaba derrubamentos ao longo dos anos.


Estas foron tamén as causas principais de que non se conserven as murallas dunha cidade da importancia, por exemplo, de Vigo.

(imaxes interactivas)


Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural