Patrimonio cultural e lingua

O Cruceiro do Hío: a fraxilidade da beleza exposta

20 de maio de 2026

A imaxe da figura de Adán mutilada por un vandalismo neglixente no Cruceiro do Hío (Cangas) debería ser o punto de inflexión definitivo no debate sobre a protección dos nosos Bens de Interese Cultural (BIC). Estamos ante unha das pezas máis sobranceiras do noso patrimonio, unha auténtica “biblia de pedra” que, precisamente polo seu valor e pola súa natureza de libre acceso, se converte nunha diana demasiado fácil para a incultura ou a neglixencia. A pregunta que nos asalta a todos é inevitable: Como podemos protexer unha xoia deste calibre sen convertela nunha peza de museo encerrada entre reixas?

A resposta, lonxe de ser simple, obriga a poñer o dedo na chaga de varias eivas que arrastramos como sociedade. A primeira, e quizais a máis grave, volve ser a educativa. Se unha persoa é capaz de aproximarse a un monumento de tal transcendencia e causar danos tantas veces irreparables na súa estrutura, é que o fío da transmisión cultural nas aulas rompeu por completo ou non existiu. Como xa reflexionamos noutras ocasións, non podemos permitir que tras unha formación académica de máis dunha década, haxa individuos que non sintan o máis mínimo respecto —nin moito menos unha vinculación emocional— co que lles pertence a todos. O dano no Hío é o síntoma de que o noso sistema non está a formar cidadáns conscientes da súa herdanza.

Dito isto, a educación é unha carreira de fondo, e o patrimonio precisa solucións hoxe. Por iso, é necesario abordar a seguridade sen complexos. Resulta urxente a instalación de sistemas de vixilancia con cámaras en espazos tan sensibles como o conxunto do cruceiro do Hío e a igrexa románica que o acompaña. Do mesmo xeito que hai cámaras no interior dun museo, tamén as debe haber nos museos ao aire libre. A tecnoloxía debe ser ese “terceiro ollo” que actúe como elemento disuasorio e, no seu caso, como proba para que os responsables asuman as consecuencias dos seus actos. Protexer un BIC non é un ataque á liberdade de movemento (tampouco o é no interior dun museo); é unha obriga de custodia para coas xeracións vindeiras.

A maiores, a situación da sinalética no Hío —e en tantos outros lugares— é, cando menos, alarmante. Non abonda cunha placa que diga o nome do monumento ou a data da súa construción. Precisamos unha sinalética pedagóxica, que poña en valor a importancia artística e histórica do conxunto, pero que tamén advirta con claridade dos coidados e a distancia necesaria que hai que manter, coma en calquera museo. Unha sinalización que non só informe, senón que eduque o visitante sobre a fraxilidade do granito e o valor irrepoñible de cada detalle esculpido.

Ao cabo, o que o caso do Hío pon de manifesto é a necesidade dun pacto social pola protección. Concellos, colectivos sociais, familias e a cidadanía no seu conxunto deben implicarse nunha preservación e vixilancia compartida. Non queremos monumentos enreixados, queremos sociedades concienciadas. Se non somos capaces de crear esa barreira moral arredor do noso patrimonio, a pedra seguirá a mercé de quen non entende que, ao danar un cruceiro, está rachando unha páxina da nosa propia historia.

Compárteo

Preme na icona do servizo polo que queiras compartir a páxina na que estás agora mesmo.

O autor

Avatar de Xosé Couñago

Xosé Couñago
Profesor e divulgador cultural