Ao redor do quinto milenio antes da nosa era, é dicir, hai máis de seis mil anos, podemos falar dos primeiros asentamentos humanos estables nesta montaña; uns asentamentos que foron contemporáneos de moitos outros que se espallaron por toda Galiza. A estes antepasados nosos debémoslles as primeiras construcións humanas existentes nestes territorios do noroeste peninsular.

Curiosamente estas primeiras construcións humanas gardan entre si unha común coincidencia: non eran moradas erixidas para os vivos, senón para os mortos. Milleiros de construcións mortuorias que inzaron unha gran parte do noso territorio e das que no monte Mirallo posuímos 46 exemplares en distinto estado de conservación.
A maioría delas, 36 concretamente, están situadas nunha penechaira central da montaña denominada Chan da Cruz, Chan das Formigas ou Chan da Pedra do Couto.

Non temos evidencias de onde puideron estar as aldeas en que vivían os habitantes do Neolítico nesta montaña. Seguramente preto dos lugares de enterramento que conservamos na actualidade. E isto fainos reflexionar sobre algo moi significativo: non conservamos as casas dos vivos, pero si conservamos as “moradas” dos mortos, que chegaron ata os nosos días despois de máis de seis mil anos (e cantas quedaron destruídas polo camiño, a maioría delas nos últimos tempos).
Estas evidencias fannos pensar que o ser humano do Neolítico debía ter un concepto da vida despois da morte moi elaborado e ben determinado. Os vivos construían para si vivendas perecedoiras, feitas con elementos vexetais, que seguramente deberían anovar cada ano. En cambio, para os mortos construían “vivendas” eternas, realizadas con pedras ciclópeas para a tecnoloxía do seu tempo.

Teñamos en conta que a esperanza de vida nese momento non chegaría moito máis alá dos corenta anos, e as casas perecedoiras que construían estaban en correspondencia con esa curtidade existencial. Pola contra, tiñan que ter unha visión espiritual da morte como algo eterno, dado o tipo de construcións que erixiron para os seus defuntos. E sobre todo pola forma en que as erixiron.
Na época neolítica non existían ferramentas de metal. Os útiles que manexaban eran de pedra tallada e madeira principalmente. Como se entende, entón, o inmenso traballo que debeu representar para eles a construción de cada un dos túmulos funerarios en que enterraron os seus mortos?
Vexamos como eran estas tumbas para tentar achegarnos á comprensión deste misterioso comportamento social.
As mámoas
Estes túmulos funerarios -repetimos: as máis antigas e únicas construcións humanas que chegaron ata a actualidade dende a época neolítica- reciben moitos nomes distintos por toda Galiza. O máis xenérico é “mámoa”, mais atopamos ducias de formas como minas, antas, antelas, medorras, madroas, arcas, cortellos dos mouros etc. Moitas destas denominacións déronlle nome a distintos lugares da nosa xeografía, nalgúns casos claramente recoñecibles dende a antigüidade. Xa en tempos máis recentes, o conxunto formado polas grandes pedras do seu interior comezou a denominarse tamén coa palabra gaélica “dolmen”.

Para a súa construción, recorreron á disposición dunha serie de chantos de pedra colocados verticalmente, formando un habitáculo, cubertos por unha gran lousa horizontal.
En moitas ocasións estes chantos teñen unhas grandes dimensións e pesan varias toneladas cada un deles. Pensemos en como tiveron que ser cortados nas canteiras sen empregaren utensilios de metal. Cantas persoas tiñan que traballar, canto tempo levaría cortar e separar da rocha nai cada un deles. Logo vén o traballo de trasladar esta tonelaxe de pedra, sen medios de transporte pensables na actualidade, naturalmente; suponse que se utilizarían cordas para tirar por elas e rolos de madeira para deslizalos.
Finalmente chantalos en vertical, outra laboriosa operación, para rematar colocando a lousa máis grande cubrindo todas as demais. Hoxe en día conservamos algúns exemplares salientábeis en Galiza que admiramos e nos deleitamos coa súa fasquía, como son, por exemplo, o dolmen de Dombate ou o dolmen de Axeitos. Vistos así decatámonos da fermosura arquitectónica do seu esquematismo e, ao mesmo tempo, da complexidade construtiva da súa realización.
Mais -e aquí vén o máis rechamante e sorprendente- esta construción en pedra tan fermosa que hoxe admiramos non era para ser vista polos vivos, non estaba ao ar libre como atopamos en numerosas ocasións na actualidade, senón que a tapaban completamente cunha masa tumular composta de capas alternas de terra e cascallos de pedra. Ningunha destas construcións ciclópeas e megalíticas quedaba á vista: eran para ser “vistas” unicamente, dende dentro; polos mortos.

Recapitulemos en todo o que vimos dicindo ata agora: vivos, vivendas de madeira perecedoira; mortos, vivendas de pedra eterna. Tecnoloxía precaria, megálitos enormes.
O traballo tan grande que empregaban nos seus mortos ao longo da súa curta vida só pode explicarse a partir dun concepto e unha crenza moi elaborados da vida despois da morte.
A maiores hai que engadir outros datos moi reveladores neste sentido transcendental da realidade ou relixiosidade: a utilización do número sete como cantidade de chantos que aparecen en moitísimas das mámoas existentes; a orientación da entrada do túmulo cara ao nacente; o depósito de ofrendas nas tumbas; a aparición de figuras idoliformes nos corredores de entrada; a decoración interior de moitos chantos con pinturas e gravados.