O noso ouro castrexo non está en venda: tanteo e retracto para salvar os torques de Ourense dunha poxa en Madrid
9 de maio de 2026
A memoria de Galicia volve estar baixo o martelo do mellor poxador. Os vindeiros días 12, 13 e 14 de maio, a casa Ansorena de Madrid porá á venda o lote 1496: “dous torques e un brazalete de ouro da cultura castrexa”, procedentes da provincia de Ourense. Un prezo de saída de 195.000 euros é o que aboca estas xoias milenarias a desaparecer, quizais para sempre, nunha colección particular inaccesible ao público.
A pregunta que debemos facernos hoxe non é canto valen estas pezas, senón: que van facer as nosas administracións para evitar este espolio legal?
A lei permite actuar: non hai escusas

Non estamos ante un baleiro legal. As ferramentas existen e están escritas en letras de molde. A Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español e, moi especialmente, a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 49, son rotundas. A Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura teñen o dereito de tanteo: a facultade de igualar a oferta e quedar coas pezas para o noso sistema público de museos.
Se os propietarios ou a casa de poxas non cumpriron coa obriga de notificar esta venda —como marca a lei—, a administración aínda ten na man o dereito de retracto para recuperar o ben unha vez vendido. Polo tanto, a capacidade de movemento é total. O que falta saber é se existe a vontade política de exercer de verdade a soberanía sobre o noso legado.
Este patrimonio é de todos, non de “coleccións particulares”
É insultante ler etiquetas como “colección particular gallega” para pezas que definen a nosa etapa castrexa entre os séculos V e I a.C. Esas xoias non naceron para adornar a caixa forte dun investidor; son o testemuño da nosa arte galaica, da nosa estética e da organización social dos nosos antepasados castrexos na provincia de Ourense.
Cando o patrimonio se poxa fóra da nosa terra, Galicia queda un pouco máis espoliada na súa historia. Cada vez que unha administración cala e permite que un lote deste calibre marche ao estranxeiro ou a mans privadas, está a ser cómplice do empobrecemento cultural do noso pobo.
Unha chamada á acción inmediata das administracións
Instamos á Consellería de Cultura e ao Ministerio de Cultura a que movan ficha de inmediato. Deben acudir a esa poxa coa firme determinación de exercer o dereito de tanteo. Esas pezas deben volver a Ourense, ao seu contexto, para que poidan ser estudadas e contempladas por todos nós, e non por quen teña a carteira o suficientemente chea como para comprar a nosa historia.
O patrimonio non é unha mercadoría, é un dereito. E os dereitos non se poxan: deféndense. Administracións, exerzan a lei. Salven os torques de Ourense.