Este é o primeiro punto de encontro coa vista do val do río Maceiras, en Redondela.
Ao fondo divisamos o mar, que forma nese entrante a enseada de San Simón. Esta enseada forma parte da gran ría de Vigo, que vai desde o seu nacemento en Arcade ata as illas Cíes.
Á dereita da enseada vense as casas de Cesantes, remontando o monte do Outeiro das Penas. Un pouco máis á dereita de onde rematan as últimas casas continuará discorrendo o noso Camiño cara a Santiago. Ao pasar ao outro lado desa pequena montaña que chega ata o mar, remata o concello de Redondela. Polo tanto, desde este lugar en que estamos, podemos ver case todo o que vai ser o noso percorrido ao longo do municipio de Redondela.
Diante de nós, ao fondo do val, está a vila de Redondela. Destaca a ponte ferroviaria, xa en desuso, que antigamente levaba a Ourense. Debaixo desa ponte do tren conflúen o río Maceiras, que forma todo este val, e o río Alvedosa, que atravesa a vila.
Á nosa esquerda vemos o monte Mirallo-Penide, no que destaca, en primeiro termo, o promontorio do castro galaico denominado Castro de Negros. Un lugar cargado de historia e lendas que coñeceremos un pouco máis adiante.
As casas que se estenden ao longo do val, por onde discorre o río maceiras, pertencen ás parroquias de Saxamonde, Negros, Cedeira e Quintela, ata chegar á vila de Redondela.
Todo o val está conformado por innumerables parcelas de cultivo, características do minifundismo galego, coas divisións entre propiedades ben definidas, perimetradas por viñedos que producen a colleita do consumo da casa ao longo do ano.
Os campos cultivados alternan con pequenos bosques de ribeira diseminados por todo o val do río Maceiras.