A súa orixe remóntase ao século XVII, fundado pola coñecida liñaxe redondelán dos Prego de Montaos. Esta mesma familia foi a fundadora tamén do convento de Vilavella, que visitaremos posteriormente; por este motivo tamén rexían o dominio do convento desde este pazo.
Na fachada principal do pazo podemos ver claramente o gran escudo que a preside cos elementos identificadores, xa comentados noutros lugares deste percorrido: o castelo de tres torres sobre unha ponte de tres arcos.
O edificio conta con baixo e dúas plantas do edificio orixinal, e unha terceira planta engadida nunha reforma de mediados do século XX. Na zona leste do edificio érguese unha gran torre ameada, tamén de mediados do século XX, mais cun pretendido estilo rexionalista.
Fachada da rúa do Padre Crespo
Na planta baixa presenta tres portas: a principal cun grande arco de medio punto; e a ambos os lados dúas portas con arco rebaixado.
Na primeira planta un balcón corrido con varanda realizada en forxa, sostido por nove ménsulas lobuladas, con porta e dúas xanelas do mesmo tamaño ca a porta a ambos os lados do balcón.
Na segunda planta vemos tres xanelas e o escudo da familia fundadora do pazo: os Prego de Montaos.
Fachada principal do pazo
Accédese a través dun portal de reixa. Inmediatamente aparece unha ampla escalinata con varandas de pedra labrada a ambos os lados. Por ela chégase á entrada principal, situada na primeira planta e aos xardíns do pazo.
Sobre a porta principal destaca un fermoso balcón corrido todo realizado en pedra apoiado en seis ménsulas de fermosa factura lobulada.
Fachada norte do pazo
Está situada sobre o camiño da Tafona, onde podemos refrescar o noso percorrido nunha fonte que hai apegada ao muro do pazo.
Esta fachada presenta tamén baixo e tres alturas, a terceira delas é o engadido do século XX.
Destacan a abundancia de xanelas en ringleira pola primeira planta e o balcón corrido, con tres portas, da segunda planta.
Torre do pazo
Na torre do pazo é onde podemos observar a innovación e reforma que lle introduciu a familia Regojo, compradora do pazo: o estilo rexionalista. Este estilo naceu a principios século XX como reafirmación dun estilo patrio fronte ás influencias eclecticistas e modernistas que proliferaban por Europa. En moitos edificios de Galicia, mentres non se definiu un rexionalismo con expresión propia galega, seguiuse un modelo que se estendía por toda España: o baseado no plateresco español.
Neste pazo de Petán podemos observar ese modelo plateresco na torre, cos vans de arcos de medio punto entrelazados. Este mesmo efecto estilístico tamén o veremos na torre do convento de Vilavella.