
Un pouco máis arriba na montaña por encima dos petróglifos da Pedreira, atopamos este conxunto singular de rochas que sobresaen do terreo.
Tanto o lugar en que están situadas, cunhas vistas espectaculares sobe a ría, coma a particular formación, motivan o interese que espertaron desde sempre. Arredor das Pedras Agudas tamén se crearon unha serie de historias curiosas que chaman a nosa atención.
Por unha parte, fálase de que desde este lugar parte un túnel que descende pola montaña ata a illa de San Simón. Estas crenzas na existencia de túneles que comunican diferentes lugares está moi desenvolvida por toda Galicia. Aquí en Redondela podemos mencionar os que comunican o monte da Peneda, desde a gruta que alí se atopa, coa illa de San Simón ou co castelo de Soutomaior. Tamén en monte Mirallo se conserva a lenda do túnel que comunica o castro de Negros coa illa de San Simón e que tería tamén unha saída na Portela.

Por outra parte, hai unha visión animista das Pedras Agudas, pola que se lles outorga caracterizacións viventes: a conformación das pedras fai que sexan asemelladas a dedos que sobresaen do terreo, como unha gran man que xorde da terra; concretamente unha man dereita.
Ademais, esta visión animista vai ligada á crenza de que as pedras se moven, que oscilan subindo e baixando, polo que unha veces parecen máis sobresaíntes e outras máis afundidas no chan. Os testemuños recollidos contan que antes eran máis altas, que sobresaían máis ca agora do terreo, coma se neste momento de estivesen sindicato.

En todo caso, podemos concluír que estes lugares singulares, tanto os gravados rupestres da Pedreira coma todas as formacións rochosas que compoñen a denominada Ruta das pedras de Ventosela están situadas en lugares vinculados a vistas panorámicas sobre a bacía natural que forman as parroquias do concello e a enseada de San Simón, coa illa como elemento central e referencial para as lendas e historias vinculadas a estes lugares da paisaxe.
